O debate sobre IA e ética, promovido polo Arcebispado, reuniu en Santiago a máis de 200 empresarios, representantes da Igrexa e destacadas figuras do pensamento e da tecnoloxía
O debate sobre IA e ética, promovido polo Arcebispado de Santiago, reuniu o pasado 7 de novembro no Hospedería de San Martín Pinario, en Compostela, a máis de 200 empresarios, directivos, representantes da Igrexa e destacadas figuras do pensamento e da tecnoloxía que debateron sobre o impacto das novas tecnoloxías cun enfoque centrado nos desafíos éticos e humanos que plantexa a IA na época contemporánea.
Tras a inauguración, na que participou a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites e o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, tivo lugar a conferencia da filósofa Adela Cortina, figura clave do pensamento ético contemporáneo.
Na súa intervención, Ética e ideoloxía da IA, Cortina reflexionou sobre os desafíos morais que expón o desenvolvemento da intelixencia artificial e a necesidade de que esta tecnoloxía estea guiada por valores éticos. Desde o seu enfoque de ética cívica e da responsabilidade, subliñou que a intelixencia artificial ” é un instrumento” e defendeu a importancia de construír sistemas tecnolóxicos orientados ao ben común, ao respecto da dignidade humana e á inclusión social, evitando calquera forma de discriminación ou exclusión.
A IA pode achegar grandes beneficios se se constrúe desde un marco ético baseado en dous principios fundamentais: beneficiar e non danar. É imprescindible potenciar a autonomía das persoas, facer xustiza e distribuír equitativamente os beneficios desta tecnoloxía, xa que os seus efectos son globais, afectan a toda a humanidade” (Adela Cortina, Filósofa).
A continuación, tivo lugar o relatorio Desenvolvo da IA. Estratexia de España. Gobernanza. Coñecemento. Educación e Valores na que participaron o director do CITIUS da USC, Senén Varro, quen falou do Desenvolvemento da IA, Cara a onde?; a catedrática da UDC, Amparo Alonso, quen expuxo a Estratexia Española; Teresa Rodríguez das Heras Ballell, integrante do grupo de expertos de IA da Comisión Europea, que abordou a Gobernanza e os modelos regulatorios e Ulises Cortés, profesor do Barcelona Supercomputing Center e experto en IA, quen reflexionou sobre Educación, coñecemento e valores.
Todos coincidiron na necesidade de impulsar unha intelixencia artificial centrada nas persoas, capaz de equilibrar a innovación tecnolóxica coa responsabilidade ética e social. Desde distintas perspectivas os relatores subliñaron que o futuro da IA pasa por unha gobernanza sólida, unha educación que fomente o pensamento crítico e unha cooperación entre ciencia, dereito e cidadanía para garantir un progreso verdadeiramente humano e sostible.
Tras estas intervencións, tivo lugar un espazo de diálogo titulado A Igrexa e a IA, coa participación do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto; o teólogo estadounidense Alberto Embry, quen interveu de maneira telemática; e o sacerdote, profesor e investigador Ricardo Mejía. O encontro foi moderado polo director da Fundación Pablo VI, José Ramón Amor Pan.
O arcebispo compostelán subliñou a importancia de que o desenvolvemento da intelixencia artificial estea guiado por principios éticos e humanistas, poñendo sempre a tecnoloxía ao servizo da dignidade da persoa e do ben común. “Ao definir os límites da IA, resulta fundamental poñer no centro o respecto e a integridade de cada persoa, recoñecendo o seu valor intrínseco”, afirmou Prieto.
IA, regulación e globalización
Para concluír este encontro sobre ética e intelexencia artificial, e antes do acto de clausura, no que tamén participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, tivo lugar o debate IA: Persoa. Responsabilidade. Regulación e Globalización.
Esta mesa, moderada por Eladio Dapena, decano da Facultade de Enxeñería e Tecnoloxía da Universidade Intercontinental da Empresa, na que participaron todos os relatores, abordou a necesidade de humanizar as tecnoloxías para que priorice os valores humanos.






