O Nadal santiagués comezou oficialmente o pasado venres co acendido das luces, nunha celebración que contou co espectáculo da compañía Pistacatro, que vén de recibir o Premio Nacional de Circo 2025
O Nadal xa comezou oficialmente en Santiago. O pasado venres a praza do Obradoiro acolleu a celebración do acendido de luces, nun acto que comezou con dúas ruadas de música a cargo dos grupos da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar e Enxebres de San Lázaro. A primeira delas partiu da Carreira do Conde e contou coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, así como unha nuntrida representación da Corporación Municipal. A segunda ruada iniciou o seu traxecto desde Porta do Camiño.
Xa no Obradoiro, e antes do acendido de luces dunha celebración baixo o título Compostela prende o Nadal, foi a quenda do espectáculo a cargo de Pista Catro, compañía que vén de recibir o Premio Nacional de Circo 2025, no que amosaron un extracto da súa representación de malabares Sen patrón o que Pablo Reboleiro, Aitor Garuz, Santi Montero e Guillermo fixeron voar a luz e amosaron a súa destreza aos malabares no preludio ao momento exacto en que prendeu a luz do Nadal en Compostela.
Goretti Sanmartín, gabou o “magnífico espectáculo de circo” e, diante dunha praza do Obradoiro ateigada de xente, animou a gozar destas festas en Compostela para dar xa paso ao momento de premer o botón de acendido das luces.
Finalmente, a fachada do Pazo de Raxoi tornouse escenario nun espectáculo de altura deseñado de xeito exclusivo para o acendido do Nadal compostelán e protagonizado polas artistas circences e profesionais da arte do movemento da compañía Duelirium. As bailarinas Raquel Oitavén, Merce Solé e Paula Quintas realizaron unha coreografía en vertical sobre a fachada do Concello co acompañamento vocal e musical de Mónica de Nut dende un dos balcóns.
Un Nadal con 2.935 metros de corredores luminosos nas rúas
A iluminación deste Nadal en Compostela inclúe 2.935 metros de corredores luminosos en rúas, 290 arcos luminosos, 296 motivos colocados en farolas, 6 carteis e 8 elementos singulares. Tamén se colocaron dous paraugas de grilandas nas prazas do Toural e de Cervantes, dúas cortinas de luz en fachadas, e iluminación artística do Pazo de Raxoi e a árbore transitable de 20 metros de altura na praza do Obradoiro.
Ilumínase tamén a praza das Praterías e o edificio do antigo Concello en Cervantes, cadansúa instalación na praza Roxa e na praza de Galicia, e 125 árbores, de dúas rotondas e da contorna do Belén de Conxo, dúas árbores tridimensionais de 5 metros e 4 conxuntos de figuras tridimensionais terrestres, ademais dos elementos singulares en 23 parroquias.
Xa prendidas as luces, este venres quedou aberto o xardín dos xogos do Obradoiro, que este ano incorpora novos elementos deseñados para promover a imaxinación e incentivar o xogo libre e espontáneo. Tamén quedou en funcionamento o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que estará aberto desde o venres ata o 5 de xaneiro, e ao que se sumará o Mercado de Nadal de Área Central, do 20 de decembro ao 5 de xaneiro.
A Carpa Roxa abrirá o 5 de decembro e acollerá ao longo de todo o mes máis de 30 actividades culturais e lúdicas, moitas delas musicais como o ciclo Son Xove, e obradoiros para todos os públicos. A Carpa da Alameda estará instalada desde o 19 de decembro, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e con actividades máis específicas para os nenos e nenas. Nela instalarase a pista de xeo ecolóxica. O programa de Nadal completo pode consultarse nesta ligazón da web do concello.











