Arzúa continúa este venres co seu programa dos Encontros Culturais de Inverno coa proxección do filme clásico ‘La gata sobre el tejado de zinc’
O Concello de Arzúa, que inaugurou os seus Encontros Culturais de Inverno o pasado 2 de xaneiro coa exposición Cicatriz de Elena Velasco e Iria Blanco na Capela da Madanela, da paso ao cinema clásico coa proxección do filme La gata sobre el tejado de zinc, dirixida por Richard Brooks e conta no seu reparto con Elizabeth Taylor e Paul Newman.
Unha iniciativa dos Encontros Culturais de Inverno que se desenvolverá na Casa de Correos (20:30 horas) e contará cunha presentación a cargo dun experto en cinema, ademais dunha degustación de chocolate quente e doces. Os interesados en participar precisan de inscrición previa chamando ao teléfono 981 500 222 ou a través do correo cultura@concellodarzua.com.
Así, e tras esta proxección, os Encontros Culturais de Inverno de Arzúa continuarán o seguinte venres día 24 de xaneiro co contacontos a cargo de Xan Veiga no Local social de Santo Estevo do Campo (20:30 horas), que forma parte da iniciativa municipal As Parroquias contan, e no que tamén haberá unha chocolatada popular.
Dende o Concello animamos a toda a veciñanza a participar nestes Encontros Culturais de Inverno pensados para que poidan compartir a través da cultura experiencias e tempo de socialización durante os, moitas veces, apáticos días de inverno” (José Luís García, concelleiro de Cultura de Arzúa)
O xoves día 30 de xaneiro será a quenda da función escolar cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona ás 11.30 horas. O venres, 7 de febreiro, Roberto Manuel Cobas presentará o seu libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, nun acto no que tamén se desenvolverá unha conferencia.
O 14 de febreiro volve repetir Xan Veiga cos seus contacontos, nesta ocasión no Local Social de Burres (20:30 horas). E pecha, os Encontros Culturais de Inverno do o mes de febreiro, o Concurso de Disfraces que se desenvolverá o domingo 23 de febreiro no Multiusos Terra do Queixo a partir das 17:00 horas, e que servirá para dar a benvida ao Entroido.