O III Ortigueira a Bocados desenvolverase do 9 ao 11 de maio e contará coa participación da Cafetería Bar Ciclón, do Manolo’s Xantar, do Mesón Río Sor e do Fogón Asiático
A terceira edición do concurso de petiscos Ortigueira a Bocados, organizado polo Concello de Ortigueira bota a andar este mes de maio no que é unha cita gastronómica que cada ano atrae a veciños e visitantes e que ten como principal obxectivo a dinamización do sector hostaleiro ao tempo que se promociona a riqueza culinaria do municipio.
Nesta edición de Ortigueira a Bocados, que se desenvolverá do 9 ao 11 de maio, participarán os establecementos Cafetería-Bar Ciclón, Manolo’s Xantar, Mesón Río Sor e O Fogón Asiático que ofrecerán unha selección de petiscos orixinais e de alta calidade, deseñados especialmente para a ocasión e que terán un custo de 3 euros por tapa.
Os participantes neste III Ortigueira a Bocados poderán percorrer os distintos establecementos e degustar as súas creacións, elaboradas con produtos de proximidade e co selo persoal de cada cociñeiro. Ademais, como unha das novidades, entre todo público que deguste, valore e vote as súas propostas favoritas sortearase un vale de 100 euros.
O Concello de Ortigueira destaca a importancia deste concurso non só como unha oportunidade para apoiar á hostalería local, senón tamén como unha forma de impulsar o turismo gastronómico na zona. Nas dúas edicións anteriores, o evento contou cunha gran acollida, converténdose nun referente para quen goza da boa mesa e buscan descubrir novos sabores nunha contorna única. Dende o Concello convidan a todos os veciños e visitantes a sumarse a esta celebración gastronómica e a gozar do talento e creatividade dos hostaleiros de Ortigueira.