PUBLICIDADE

A 62ª Feira do Viño de Ribadavia comezou coa recepción no Concello e o pasarrúas ata o Castelo dos Condes

O pregoeiro e participantes no acto inaugural da 62ª Festa do Viño do Ribeiro no concello de RibadaviaO pregoeiro e participantes no acto inaugural da 62ª Festa do Viño do Ribeiro no concello de Ribadavia

O pregón desta 62ª Feira do Viño de Ribadavia, que rematará o vindeiro domingo, correu a cargo do galego Alejandro Blanco, presidente do Comite Olímpico Español

A 62ª Feira do Viño de Ribadavia botou a andar onte coa tradicional recepción institucional de autoridades no Concello, que estivo amenizada pola formación local da Banda A Lira, e á que asistiron, entre outros, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; así como o alcalde de Ribadavia, César Fernández, membros da corporación local e rexedores doutros concellos da comarca do Ribeiro.

Tras a recepción de autoridades, a comitiva iniciou o tamén tradicional pasarrúas ata o Castelo dos Condes, no que os participantes asistiron a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O recinto feiral da alameda acolleu, posteriormente, o pregón desta 62ª Feira do Viño do Ribeiro que correu a cargo do galego Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español (COE).

O ourensán e exjudoca explicou emocionado que “a vendima é un dos mellores recordos da miña infancia: recoller as uvas, levalas no ceste que me regalaran os meus avós, e por suposto ese momento máxico que é o pisado das uvas”. Blanco tamén destacou que, como galego que viviu fóra moitos anos, “os sabores de Galicia como o viño do Ribeiro, é sempre un trago que sabe a morriña e á terra”, e comparou o viño blanco do Ribeiro cos “solpores dourados da nosa terra”.

PUBLICIDADE

A presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Concha Iglesias, lembrou tamén que “a do Ribeiro é das feiras do viño máis antigas; pero que vai incorporando novas actividades e eventos”, e destacou a capacidade de adaptación desta celebración que segue medrando edición tras edición. Precisamente na importancia das DO fixo fincapé a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, lembrando que “en 1932 púxose o xermolo que fixo medrar as Denominacións de Orixe, que hoxe son sinónimo de calidade e de Galicia”.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou que “a tradición do viño do Ribeiro sabe adaptarse ao futuro. Sabemos de onde vimos, sabemos onde estamos e sabemos a onde queremos ir; adaptándonos constantemente a este mundo cambiante”. Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor a importancia da Feira do Viño do Ribeiro “na promoción e posta en valor do produto estrela da nosa terra. Un produto grazas ao cal somos o que somos, que significa historia, tradición e innovación”.

Durante a xornada inaugural desta 62ª Feira do Viño do Ribeiro tamén se desenvolveron diferentes actividades como unha Cata Comentada das Adegas coa sumiller Deisy Barrios Otarola e maridaxe con produtos de Galicia Calidade; así como un obradoiro de cociña que correu a cargo do chef Gabriel Quispe Peña, gañador do certame Talentos by Abril.

A Feira do Viño do Ribeiro, unha das citas enogastronómicas máis destacadas de Galicia, prolongarase ata o vindeiro domingo 4 de maio, cun amplo programa de actividades para exaltar a cultura vitivinícola do Ribeiro na súa capital, Ribadavia, que agarda a milleiros de visitantes para desfrutar dos seus valorados caldos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.