A Copa Deputación, que comezou onte 1 de maio coa disputa das finais Sub-10 e Sub-12 no Pereiro do Aguiar, foi presentada na pista de atletismo Josefina Salgado no Complexo Deportivo de Monterrei
A pista de atletismo Josefina Salgado, situada no Complexo Deportivo de Monterrei no Concello do Pereiro de Aguiar, acolleu a presentación da XLII Copa Deputación Ourense de Atletismo o pasado mércores, e que comezou nesta mesma pista coa disputa onte das finais nas categorías Sub-10 e Sub-12, e que terá a súa continuación coa segunda cita, tamén no Pereiro do Aguiar, o 16 de maio, coas finais Absoluta e Máster.
Os asistentes e participantes no acto de presentación da Copa Deputación Ourense de Atletismo, como o asesor provincial de Deportes, Enrique Álvarez; Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta; Máximino Ferenández da Escola Atlética Pereiro de Aguiar, e Lalo Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, coincidiron en salientar a importancia desta competición como ferramenta de promoción do deporte de base, da cohesión territorial e do apoio ao talento deportivo da provincia.
Tras as finais Aboluta e Máster no Pereiro do Aguiar o 16 de maio, a Copa Deputación Ourense trasládase, o día 23, ata O Barco de Valdeorras, localidade na que terán lugar as finais nas categorías, Sub-14 e Sub-16. Esgos será o escenario da cuarta das probas da Copa Deputación coas finais de Trail Running. E pecharán o circuíto as finais de Campo a Través, co día aínda por confirmar, no mes de outubro en Xinzo de Limia.
A Copa Deputación de Atletismo reafírmase como unha iniciativa consolidada que fomenta a participación e o espírito deportivo entre atletas de todas as idades e categorías, servindo como plataforma tanto para a base como para os deportistas veteranos. A colaboración entre a Deputación, a Xunta, a Federación Galega e os clubs organizadores, permite ano tras ano ofrecer un circuíto atractivo e competitivo, contribuíndo tamén á dinamización social e deportiva das distintas comarcas da provincia.






