Os libros retirados do fondo da Biblioteca Municipal do Carballiño, durante o expurgo levado a cabo desde o mes de outubro, poñeranse a disposición da poboación, segundo informou hoxe o goberno local. Trátase da segunda e última oportunidade para particulares, asociacións, centros educativos, de estudos, agrupacións culturais e sociais de recoller aqueles volumes que poidan ser do seu interese.
A veciñanza interesada no libros retirados do fondo pode achegarse á Biblioteca este venres, día 16 xaneiro, en horario de mañá, de 11:00 a 13:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 20:00 horas. Desde o Concello destacan que aqueles libros que sexan retirados non poderán ser devoltos con posterioridade. Entre os materiais, a poboación atopará enciclopedias, libros especializados ou novelas.
A concelleira de Educación, Lorena Castro, lembrou que a retirada destes libros do fondo responde a criterios “técnicos e de espazo”, ao mesmo tempo que permite modernizar o catálogo da Biblioteca. “O expurgo é necesario para o bo funcionamento da Biblioteca e para garantir a calidade dos préstamos”, asegurou.
O proceso inclúe o inventario e pre-catalogación básica de materiais, o rexistro documentado de baixas, a consulta institucional á Xunta se fora preciso pola Lei de Patrimonio Documental de Galicia e o tratamento final do material.




