Os premios Curuxa do Humor foron entregados no Museo Xaquín Marín no que estarán expostos xunto a unha selección das obras participantes nesta edición
O Museo do Humor Xaquín Marín, foi o escenario o pasado venres 8 de novembro da entrega dos premios do XXVIII Concurso de Humor Gráfico. Premios Curuxa do Humor 2024, que organiza o Concello de Fene, a través do seu departamento de Cultura e que este ano recaeron en Adrián Dopico, Lucas Sixto e Iván Mata.
O acto de entrega dos Curuxa do Humor, serviu ademais como pistoletazo de saída ás actividades que o Museo Xaquín Marín organiza todos os anos co gallo do seu aniversario e co inicio do ciclo de monólogos Novembro, Mes do Humor, que organiza o museo coa programación de varios espectáculos todos os venres do mes.
Así, e tras o fallo do xurado dos Premios Curuxa do Humor 2024 o pasado 21 de xuño, Adrián Dopico na categoría de máis de 25 anos; Lucas Sixto, de 16 a 25 anos, e Iván Mata ba categoría Caricaturas para maiores de 16 anos, recibiron os seus respectivos premios económicos, dotados con 2.500, 1.500 e 1.000 euros, respectivamente, así como os seus trofeos conmemorativos.
Posteriormente ao acto de entrega dos premios, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibiron aos autores galardoados nos Curuxa do Humor na sala de exposicións temporais do Museo Xaquín Marín, no que estarán expostas as obras premiadas e unha selección dos traballos participantes nestes Premios Curuxa de Humor 2024.
Así, o premio Curuxa do Humor 2024 foi para Adrián Dopico polo seu traballo Mal de moitos, do que o xurado valorou “a súa eficacia visual, a capacidade de síntese e a elección da morte e a envexa com ideas estruturadoras e cunha temática cunha idiosincrasia moi galega”, sinala o fallo.
Pola súa banda, o primeiro premio do Curuxa Nova do Humor foi para a viñeta Dieta do futuro, elaborada por Lucas Sixto e da que o xurado puxo en valor “a súa temática de actualidade moi ben resolta conceptualmente e a transmisión dunha mensaxe con moita gracia e directa a través do absurdo”.
O premio Curuxa do Humor na categoría de Caricaturas foi para a caricatura Yolanda Díaz que debuxou Iván Mata e do que o xurado destacou “a elección da persoa e que sexa perfectamente recoñecible” e resaltou “a súa elegancia e que funciona moi ven compositivamente, así como no uso da liña e da cor”.
Finalmente fíxose entrega das mencións de honra, que nesta nova edición dos Premios Curuxa do Humor 2024 corresponderon a Ricardo Olivera, Manuel Arriaga e Eduardo Pérez (categoría Curuxa) e Roberto Marcelo (Caricatura).
A gala dos Premios Curuxa do Humor 2024 completouse cunha recepción da Corporación Municipal de Fene aos autores premiados, aos que se convidou a asinar no Libro de Honra do museo, e coa primeira función do ciclo Novembro, mes do humor, protagonizada polo humorista ferrolán Pepo Suevos.