A exposición, que recolle unha colección de traballos artísticos de clara inspiración natural, pode visitarse na Galería do Concello de San Sadurniño ata o vindeiro venres 30 de maio
A Galería do Concello de San Sadurniño acolleu, o pasado sábado 3 de maio, a inauguración da exposición Dime, que ves? Unha mostra das obras e traballos artísticos de Laura Cartamil e Maricarmen Sendón. Trátase dunha colección de clara inspiración natural, na que os estampados sobre papel e tea dialogan coas cerámicas que representan faros e cantís azoutados pola forza do vento e o mar.
Durante a inauguración da exposición, na que a poeta ferrolá Amelia de Querol Orozco recitou algunhas das súas pezas, a concelleira de Participación e de Axenda 2030 do Concello de San Sadurniño, Raquel Piñeiro, destacou o rechamante da mostra plástica e, principalmente, que sexa resultado do traballo “de mulleres que tecen rede a través da cultura en toda a comarca”.
A exposición Dime, que ves? poderá visitarse na Galería do Concello ata o vindeiro venres 30 de maio nos horarios de apertura das dependencias municipais, de luns a venres de 8:30 a 15:00 horas.





