PUBLICIDADE

Unha escultura de Eladino Cabanelas homenaxea a figura dos arrieiros no Carballiño

O Concello do Carballiño vén de inaugurar unha nova escultura que rende homenaxe á figura dos arrieiros, do artista ourensán Eladino Cabanelas, que foi colocada ao carón da Casa ConsistorialO Concello do Carballiño vén de inaugurar unha nova escultura que rende homenaxe á figura dos arrieiros, do artista ourensán Eladino Cabanelas, que foi colocada ao carón da Casa Consistorial

Unha escultura, que rende homenaxe á figura dos arrieiros, tan vencellada á historia e identidade do Carballiño, vén de ser inaugurada polo Concello. A obra, encargada ao artista ourensán Eladino Cabanelas, foi colocada xusto ao carón da Casa Consistorial e representa un tributo visual e simbólico a un oficio clave no desenvolvemento económico e cultural do Carballiño.

A escultura, elaborada en aceiro corten (material que destaca pola súa oxidación natural co paso do tempo), mostra actualmente un perfecto ton marrón que evolucionará esteticamente coa acción dos elementos. A escena representa a un arrieiro e dúas mulas, e está organizada en dous niveis: no inferior, o arrieiro guía a primeira mula, mentres que no superior aparece a segunda mula, atada á anterior, creando unha sensación de movemento ascendente cara ao edificio do Concello.

A escultura, explicou o seu autor, evoca unha imaxe tradicional que forma parte da memoria popular do Carballiño, cando os arrieiros se detiñan a dar de beber aos animais na fonte situada na praza, antes de continuar camiño. A localización da escultura, subindo cara ao consistorio, simboliza ese traxecto histórico.

PUBLICIDADE

A peza inclúe, ademais, dous elementos gravados de gran valor simbólico: nunha das mulas pode lerse o ano de inauguración, 2025, e na outra figura un alalá que canta aos produtos tradicionais da vila e da comarca, facendo tamén referencia ao emblemático Pan de Cea.

Con esta obra, o Concello do Carballiño amosa unha vez máis o seu compromiso coa recuperación e posta en valor da historia local, promovendo a cultura como ferramenta de identidade e cohesión social.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.