O empresario, afincado en México, mostrouse “afortunado de vivir entre dúas terras que amo profundamente” tras recibir o Premio Ourensanía 2024
O Teatro Principal de Ourense acolleu, a pasada fin de semana, a entrega do Premio Ourensanía 2024, ao empresario, afincado en México, Olegario Vázquez-Raña. Un galardón que concede a Deputación Provincial e que é un recoñecemento honorífico a aquelas persoas vencelladas á provincia que destacan nas súas facetas laboral ou social.
O Premio Ourensanía 2024, Olegario Vázquez-Raña, confesou que recibir este galardón “é profundamente emotivo, non só como empresario e deportista, senón como esposo, pai e amigo”, e durante o seu discurso destacou o “traballo constante” como o “verdadeiro valor da vida; a disciplina constitúe soños”.
Olegario Vázquez-Raña nunca esqueceu as súas raíces no Concello de Avión, lugar de orixe da súa familia e ao que regresa varias veces ao ano. O empresario recibiu o Premio Ourensanía 2024, nunha cerimonia conducida pola xornalista Sonia Torre, que contou coas actuacións da Real Banda de Gaitas de Ourense e da Orquestra Sinfónica Ourensanía, así como coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o seu homólogo provincial, Luis Menor que foi o encargado de entregarlle o premio ao empresario.
A miña vida foi un reflexo de amor e comprensión e son afortunado de vivir entre dúas terras que amo profundamente, España e México polo que este recoñecemento é moi importante para toda a miña familia”
Menor, tras facerlle entrega do Premio Ourensanía 2024 a Olegario Vázquez-Raña, subliñou a “conexión emocional” que supuxo a concesión deste galardón, unha conexión que xunta á provincia coa emigración. “Ourense é unha provincia emigrante e Olegario Vázquez-Raña exemplifica a audacia, o esforzo, o sacrificio e o traballo daqueles que se viron obrigados a deixar a súa terra para buscar un porvir… E aínda atopándoo, nunca esqueceron as súas raíces”, incidiu o presidente provincial.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo destacar a contribución de toda a emigración, e nomeadamente de empresarios como Olegario Vázquez Raña, “á hora de transformar a Galicia nunha terra moderna e con oportunidades para emprender e traballar”.
“A nova Galicia é un territorio fértil para emprender, traballar e triunfar grazas a esa xente que saíu cando todo estaba máis difícil”, apuntou. “Olegario é un home de mundo que nunca esqueceu as súas raíces; un home Incansable, valente, con valores familiares e gran deportista”, afirmou Rueda, en referencia isto último aos “enormes éxitos” que colleitou na disciplina de tiro olímpico.
Alfonso Rueda, pola súa banda, valorou como a emigración galega axudou a construír Galicia dende o exterior, ao tempo que tamén se integraban nas súas sociedades de acollida. Neste sentido, destacou o “carácter aberto” da galeguidade que axudou a establecer comunidades fortes e que “buscan por enriba de todo a unión”.