PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O polígono de San Cibrao das Viñas contará cun estacionamento seguro

O estacionamento do polígono de San Cibrao das Viñas estará financiado pola Xunta e a Deputación de Ourense.O estacionamento do polígono de San Cibrao das Viñas estará financiado pola Xunta e a Deputación de Ourense.

O polígono de San Cibrao das Viñas está a ultimar a futura área de estacionamento seguro e protexido, que ofrecerá un mellor servizo aos profesionais do transporte de mercadorías. Así pois, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, visitou a parcela da Central de Transportes, onde se habilitará o aparcadoiro.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso co impulso ao desenvolvemento das áreas industriais, a través de servizos que fan atractivo o asentamento de empresas. “Ourense é industria e Ourense quere máis industria; o polígono de San Cibrao, auténtico pulmón industrial da nosa provincia, ten que ter servizos coma esta área pioneira en Galicia”, reivindicou o presidente provincial. Neste sentido, confía en que este novo servizo sexa “punto de referencia” para sumar tecido empresarial.

A Deputación de Ourense financia o 40% das obras, con 200.000 euros dun investimento total que ascende a 500.000 euros. Pola súa banda, a Xunta de Galicia achega o 60% restante, é dicir, 300.000 euros, froito da cooperación institucional. “Somos a deputación cos orzamentos máis modestos de Galicia, pero o organismo provincial que máis colabora e que ten máis convenios con institucións”, enxalzou o presidente provincial.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
O presidente provincial, o delegado da Xunta en Ourense, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas e outras autoridades e empresarios visitaron o futuro estacionamento do polígono.
O presidente provincial, o delegado da Xunta en Ourense, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas e outras autoridades e empresarios visitaron o futuro estacionamento do polígono.

DETALLES DO FUTURO ESTACIONAMENTO

A área de estacionamento, nunha parcela de 11.200 metros cadrados, ofrecerá 59 prazas de aparcamento. Contará cun peche perimetral e incluirá toda as medidas necesarias para garantir a seguridade dos usuarios, especialmente das mulleres condutoras, para evitar calquera forma de violencia.

Así mesmo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, incidiu que este novo servizo é a “resposta a unha demanda do polígono industrial”, así como unha “satisfacción” para o mundo do transporte.

A alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa, amosou o seu “orgullo” por dispor no seu concello dun servizo “pioneiro en Galicia e en España”. Ademais, o aparcadoiro será xestionado pola propia asociación de empresarios do polígono, xerando “novas ideas e unha liña de negocio máis”.

O presidente da asociación de empresarios do polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, puxo en valor as características técnicas do estacionamento. Explicou que as 59 prazas de aparcadoiro compleméntanse con dous inmobles separados, para homes e mulleres, con vestiarios e zonas de descanso diferenciadas, controis de acceso e videovixilancia.

A posta en marcha mellorará as condicións de descanso dos traballadores, cun servizo que ademais favorece o relevo xeracional na profesión e a incorporación da muller a un colectivo fortemente masculinizado.

MENOR REIVINDICA A ESTACIÓN DE MERCADORÍAS

O presidente provincial aproveitou a visita ás novas instalacións do polígono de San Cibrao para incidir noutra demanda histórica; a estación de mercadorías, proxecto liderado dende a Deputación de Ourense. “É unha reivindicación estratéxica para esta provincia que fan os empresarios”, abundou Menor. Neste senso, explicou que seguen agardando a que o director do Corredoiro Atlántico os reciba para tratar o asunto. O presidente provincial cualifica de “esencial” esta infraestrutura, que sería “o gran despegue da industria ourensá”.

O MAIOR POLO INDUSTRIAL DA PROVINCIA

O polígono industrial de San Cibrao rexistra un movemento anual de mercadorías superior aos tres millóns de toneladas, converténdose no principal polo da provincia e un dos maiores de Galicia. O novo estacionamento permitirá dar servizo tamén a outras dúas importantes áreas empresariais; o parque do Pereiro de Aguiar e o polígono Barreiros.

Pola súa banda, a asociación de empresarios do polígono industrial de San Cibrao reivindica con este proxecto a solución para aliviar o exceso de vehículos pesados nas vías, proporcionándolle un lugar de estacionamento seguro.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.