Alberto Riveiro e Laura Felisa López foron os vencedores na distancia 5K desta primeira edición da Carreira Popular da Baña que contou con máis de 300 atletas nas diferentes categorías
Jorge Crespo e Nia Franco foron, onte domingo, os gañadores da proba de dez quilómetros (10K) da primeira edición da Carreira Popular da Baña, na que participaron máis de 300 atletas en todas as categorías. Na carreira 5K os primeiros en cruzar a liña de meta foron Alberto Riveiro e Laura Felisa López. Os deportistas bañenses máis rápidos foron José Suárez e Adriana Rey na proba 10K e Adrián Darriba e Zaira Blanco na 5K.
Un cento de atletas disputaron a proba de 10K da I Carreira Popular do Concello da Baña. Os máis rápidos na categoría masculina foron Jorge Crespo Arias, do CA Sar, que cruzou a liña de meta en 33:57 minutos, seguido do seu compañeiro de quipo Martín Lestido (35:01) e de Víctor González Horta, do Comesaña Sporting Club, cun tempo de 35:30 minutos.
Na categoría feminina, a gañadora na 10K desta I Carreira Popular da Baña, Nia Franco (45:06 minutos), sacoulle case un minuto a segunda clasificada, Guillelme Denís Castillo (45:59), e dous minutos a terceira clasificada, Natalia Lorenzo (47:16 minutos).
Os atletas da Baña que subiron ao podio da 10K por ser os e as primeiras locais en cruzar a meta foron José Suárez Leis (35:50 minutos), José Manuel García Antelo (40:19 minutos) e Antonio Barreiro Cordeiro (46:55 minutos). Na categoría feminina, as máis rápidas foron Adrian Rey (45:59 minutos) e Sandra Rodríguez Nieto (1:05:14 horas).
Na proba dos 5 quilómetros, Alberto Riveiro Lampón (C.A. Sar) non deu opción e impúxose cun tempo de 16:52 minutos, seguido de Ramón González País (17:24 minutos) e Miguel Montero Noya (18:10 minutos). En categoría feminina, as tres primeiras foron Laura Felisa López López (23:56 minutos), Xulia Vidal Tubío (25:20 minutos) e Alba Forján Costa (26:04 minutos).
Os premios para atletas bañenses na proba de 5K foron para Adrián Darriba (20:43 minutos), Antonio Velo (28:12 minutos) e Luigi Croce (33:30 minutos). En mulleres as máis rápidas foron dúas integrantes do S.D. A Baña, Zaira Blanco (29:01 minutos) e Leticia Fernández (40:35 minutos). Todas as clasificacións pódense consultar na web de Carreiras Galegas.
Un dos protagonistas desta primeira edición da Carreira Popular da Baña foi o ferrolán Jesús Bernal Gómez, que con preto de 80 anos fixo 15 quilómetros ao participar tanto na 5K como na 10K. As categorías escolares animaron o ambiente en San Vicenzo, polo número de familiares e amigos que acompañaron aos 146 atletas menores que participaron nas diferentes categorías, dende a categoría Sub-18 ata biberóns.










