Os Encontros de Escoliñas arrincaron no Concello de Maceda coa xornada de convivencia deportiva, e cuxa seguinte cita será en Barbadás o 22 de febreiro
Os Encontros de Escoliñas Deportivas nos concellos, iniciativa impulsada pola Deputación Provincial de Ourense, tivo a súa estrea no Concello de Maceda, co desenvolvemento dunha xornada de convivencia na que a rapazada de 3 a 14 anos gozou do deporte en diferentes modalidades dende a categoría Biberón.
Os Encontros de Escoliñas nos concellos forman parte da estratexia provincial para a promoción do deporte, a actividade físicas e o ocio saudable favorecendo un estilo de vida activo, ademais de proporcionarlle aos nenos un adecuado ensino deportivo, e aos máis cativos poñelos en contacto co deporte por primeira vez a unha temprana idade.
Os Encontros de Escoliñas nos concellos farán especial fincapé naquelas modalidades deportivas máis minoritarias e que demanden máis apoio institucional para o seu desenvolvemento, estando abertos á integración de novas modalidades deportivas, aseguran dende a Deputación sobre unha iniciativa na que, entre outras especialidades, realízase fútbol, baloncesto, balonmán, baile ou kárate.
Esta iniciativa da Deputación, cuxo obxectivo tamén é o de formar na etapa inicial aos nenos participantes, non se cingue estritamente á división de equipos e escolas por idades e categorías federativas. Baixo esta premisa, o programa pretende ser unha “primeira toma de contacto” para moitos nenos e mozos do rural nas diferentes modalidades deportivas.
As sedes iniciais dos Encontros de Escoliñas nos concellos, que acollerán diferentes actividades e modalidades deportivas, son Maceda, no que xa se celebrou; Barbadás, Ribadavia, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao. Dende o servizo de Deportes da Deputación reitérase a predisposición do ente provincial a que calquera concello interesado en acoller esta iniciativa, non dubide en anotarse.
Ademais, segundo informan dende a Deputación de Ourense, a organización xa está preparando unha gala final destes Encontros de Escoliñas nos concellos, que será previsiblemente no mes de xuño no Pazo dos Deportes Paco Paz.