A Gala do Deporte Teense, no Auditorio Municipal o 3 de xaneiro, premiará a deporistas como o futbolista David Mella, a karateka Ruth Lorenzo ou ao exciclista Ezequiel Mosquera
A Gala do Deporte Teense, que se desenvolverá o vindeiro 3 de xaneiro no Auditorio Municipal, é un recoñecemento do Concello de Teo ao esforzo, os éxitos e o traballo dos deportistas, clubs e entidades deportivas locais durante este ano 2024.
Entre os premiados nesta, primeira edición da Gala do Deporte Teense, destacan figuras del deporte como o futbolista do Real Club Deportivo de La Coruña, David Mella, a karateka Ruth Lorenzo ou o exciclista Ezequiel Mosquera.
O obxectivo do Concello con esta I Gala do Deporte Teense é o de potenciar o deporte local, que nos últimos anos recolleu grandes éxitos e ten unha gran proxección nacional e internacional. Asemade, o Goberno local quere, deste xeito, poñer en valor os deportistas, como exemplo de esforzo e constancia, e os clubs, como impulsores de disciplina e valores entre a cativada, fomentando unha competividade baseada no respecto entre xogadores.
Neste senso, para o Concello de Teo o deporte é unha prioridade. De feito, neste 2024 convocou os Premios á excelencia deportiva para os deportistas galego-teenses de alto nivel, cunha dotación orzamentaria total de 10.000 euros. O obxectivo prioritario foi apoiar ás persoas deportistas galegas de Alto Nivel que estean empadroadas no Concello de Teo e que participaron en competicións deportivas oficiais de categoría absoluta de ámbito mundial, europeo ou estatal no ano 2023.
Asemade, o Concello tamén aprobou as axudas destinadas á organización, promoción, preparación e participación deportiva de clubs e deportistas federados no 2024, por un importe total de 47.000 euros, dos que 12.000 euros se destinarán ás solicitudes formuladas por deportistas federados.
Con estas axudas e os premios que se entregarán o vindeiro mes de xaneiro pretenden potenciar o deporte en xeral e o local en particular, promover a práctica deportiva, a creación de canteiras de deportistas no Concello de Teo, tanto a curto como a longo prazo e impulsar, deste xeito, formas de ocio alternativo.