O Concello da Baña busca con esta iniciativa a creación dunha hemeroteca dixital na que se documente a memoria histórica da comunidade ao redor da Festa da Filloa da Pedra
O Concello da Baña vén de poñer en marcha unha inicitiva consistente na recollida de fotografías históricas da veciñanza ao redor da Festa da Filloa da Pedra, co obxectivo de crear unha hemeroteca dixital que documente a memoria colectiva e destaque o arraigo desta celebración gastronómica, que neste 2024 sumou a súa vixésima edición, no seu camiño para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Así, o Concello explica a través dun folleto informativo, que para crear esta hemeroteca dixital da Festa da Filloa da Pedra, que precisa de fotografías históricas desta festa e tamén imaxes históricas en xeral: da xente no seu día a día, traballando, das diferentes celebracións, encontros, actos ou actividades no municipio.
Como enviar as imaxes históricas e da Festa da Filloa da Pedra
Os interesados en participar desta iniciativa para destacar e preservar a Festa da Filloa da Pedra e en xeral do patrimonio cultural e histórico da Baña, pódense entregar presencialmente no Concello para que as dixitalice e devolva os orixinais aos seus propietarios, ou ben xa dixitalizadas a través do correo electrónico correo@concellodabana.gal.
Esta iniciativa, segundo indica o Concello, procura conservar e enriquecer a memoria colectiva da Baña, e pon en valor a tradición e a historia que identifican ao municipio, especialmente arredor dun evento tan singular como a Festa da Filloa da Pedra, que combina gastronomía, artesanía e música para promover a cultura local.