A Poseidon Race, carreira de obstáculos organizada polo Club OCR Cerceda coa colaboración do Concello e unha das citas máis importantes de Europa, volverá ter como escenario o Aquapark e a súa contorna o 31 de maio
A IV Poseidon Race botou a andar esta mañá no Concello de Cerceda coa súa presentación. A proba de obstáculos, que organiza o Club OCR Cerceda e conta coa colaboración do Goberno local, disputarase o vindeiro 31 de maio, como vén sendo habitual, no Aquapark cercedense e na súa contorna, segundo anunciaron durante a presentación os membros do club organizador, Álvaro Sánchez e Carlos Abal, que estiveron acompañados polo alcalde Juan Manuel Rodríguez e polo concelleiro de Deportes, Óscar Golán.
A carreira de obstáculos disputarase nas categorías Elite, Starter, Parellas e Popular, e a principal novidade desta edición será a organización do Poseidon Cross Solidario a favor da Asociación Coruñesa de Esclerose Múltple (ACEM), explicaron durante a presentación no salón de plenos municipal.
Os participantes na categoria Elite desta IV Poseidon Race terán que completar un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, mentres que o das restantes categorías será de 8 quilómetros. O número total de obstáculos serán de 50 para a quenda Starter e 45 para a Popular. Serán, como de costume, probas de suspensión, forza, equilibrio, puntería e axilidade.
A primeira categoría que tomará a saída nas inmediacións do Aquapark será a Elite contra as 14:00 horas. A continuación, ás 15:20 horas, partirán os starters; as parellas farano ás 15:40 horas e os deportistas do grupo Popular a partir das 16:00 horas, dunha Poseidon Race que forma parte da Liga OCRA Galicia, da Liga Nacional AOCO, da Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial OCRW.
Inscricións na IV Poseión Race
Os interesados en participar nesta cuarta edición da Poseidon Race deberán apuntarse a través da páxina web www.ccnorte.com. Así, Cerceda acollerá o vindeiro 31 de maio aos mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras de obstáculos que contará con participantes na categoría Elite de países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña, sendo considerada como unha das probas máis esixentes e completas de Europa.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou durante a presentación “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos naturais que son de moito interese para nós”.
Pola súa banda, o presidente do club organizador, Álvaro Sánchez, agradeceu novamente a colaboración do Concello, pois “sen a súa axuda sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe, e agardamos seguir facéndoo medrar”, do que xa é unha das citas máis importantes do continente nesta especialidade.




