Os estudantes do CEIP Mestre Barral de Melide, gañadores dun primeiro premio e un accésit no certame de recitado poético ‘Rosalía sempre viva’, foron recibidos pola concelleira de Cultura, Ana Mosteiro, e polo alcalde José Manuel Pérez
O Concello de Melide recibiu, onte mércores no salón de plenos, aos seis estudantes, tres nenos e tres nenas, do CEIP Mestre Barral participantes no certame de recitado poético Rosalía sempre viva, organizado pola Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei, e no que o alumnado de Melide conseguiu un primeiro premio e un accésit.
Así, a concelleira de Cultura, Ana Mosteiro, que anunciou tras coñecer a nova a súa intención de parabenizar en persoa ao alumnado participante no certame, recibiu aos seis estudantes, entre os que se atopaban Noa Barcia Ausina (3º Primaria) e Alexander Alimonta Suris (4º Primaria), gañadores dun primeiro premio e dun accésit, respectivamente, aos seus titores e á directora do centro, Belén Mejuto, no salón de plenos.
O certame de recitado poético Rosalía sempre viva, no que o CEIP Mestre Pastor Barral se presentou por terceira vez consecutiva, contou coa participación dun total de 40 estudantes de Primaria divididos en dúas categorías: 1º, 2º e 3º curso e 4º, 5º e 6º curso, representando aos centros educativos de localidades de toda Galicia como Boiro, Lalín, Sarria, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Carral, Xanceda, Castro de Ribeiras de Lea ou Melide, entre outros.
A concelleira de Cultura entregou aos escolares uns agasallos como lembranza desta visita consistentes en libros e produtos da repostería tradicional melidense, nun acto ata o que se achegou tamén o alcalde José Manuel Pérez quen parabenizou a Barcia e Alimonta polos seus premios, mais tamén ao resto de participantes no certame do CEIP Mestre Pastor Barral e que foron Ray Mato Barreiro e Shaila Penas López de 3º de Primaria, e Lucía García Carril e Thiago Sesar Rodríguez de 6º de Primaria.
Ana Mosteiro animou ao centro a seguir participando no certame Rosalía sempre viva porque considera “moi importante que a poesía na nosa lingua ocupe un espazo e un tempo na escola e que se teña unha lembranza para dúas figuras tan importantes da nosa literatura”.
O rexedor de Melide José Manuel Pérez amosou aos escolares, ás titoras e á directora do CEIP Mestre Pastor Barral a recente adquisición, por parte do Concello de Melide, dunhas obras de luxo sobre a figura, obra e correspondencia de Rosalía de Castro que, en breve, estarán a disposición dos centros educativos do municipio.