PUBLICIDADE

A Padrón 10K, que se disputa en febreiro, abre o seu prazo de inscrición

Un momento da clásica Padrón 10K, durante a pasada edición, que vén de anunciar a apertura do prazo de inscriciónUn momento da clásica Padrón 10K, durante a pasada edición, que vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición

A Padrón 10K, que suma a súa XXIII edición, anunciou hoxe martes a apertura do prazo de inscrición para participar nunha cita, organizada polo Concello, e que está xa plenamente consolidada como referente no calendario atlético galego. A proba disputarase o sábado 7 de febreiro de 2026 e terá a súa saída e chegada no Campo do Souto.

A XXIII Padrón 10K, que tamén conta coa colaboración da Deputación da Coruña, da Federación Galega de Atletismo e de Kaiku-Protein, está aberta a persoas corredoras de todas as idades, con ou sen licenza federativa, e contará co control do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. A carreira forma parte do Calendario Oficial da FGA.

Un ano máis, a Padrón 10K ofrecerá carreiras adaptadas a todas as idades, desde os 60 metros das categorías pitufo ata os 10 quilómetros absolutos, incluíndo tamén a proba de 5K. As carreiras escolares abrirán a xornada deportiva a partir das 16:00 horas, mentres que a 5K dará comezo ás 16:50 horas, mentres que a proba estrela, a 10K, farao ás 17:40 horas.

PUBLICIDADE

As categorías pitufo e prebenxamín manterán o seu carácter non competitivo, promovendo a participación e o deporte base, mentres que o resto das categorías, desde Sub-10 ata máster, competirán con clasificacións oficiais. Os circuitos de 5K e 10K están homologados pola Real Federación Española de Atletismo, polo que as marcas obtidas computarán para os rankings oficiais.

Padrón 10K, onde realizar as inscricións

As inscricións poderán realizarse ata as 23:59 horas do mércores 4 de febreiro de 2026 a través da plataforma www.emesports.es. A participación nas categorías escolares ata Sub-14 será de balde, mentres que para as carreiras de 5K e 10K establécense dous tramos de prezo; 7 € ata o 23 de xaneiro de 2026, e 9 € do 24 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2026. Cada participante poderá inscribirse nunha única distancia, 5K ou 10K.

A carreira de 10K contará con premios en metálico para a clasificación absoluta masculina e feminina, con 250 €, 150 €, 75 € e 50 € para os catro primeiros postos, ademais dun premio especial de 50 € para o mellor corredor ou corredora local.

Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, aos mellores equipos, ao club ou centro educativo con maior participación, ao participante de máis idade que remate a proba e aos mellores atletas das carreiras de 5K. As categorías escolares recibirán medallas e obsequios.

A entrega de premios celebrarase no Auditorio Municipal do Centro Social ás 19:15 horas,
unha vez finalizadas as probas absolutas. A organización porá á disposición das persoas participantes servizos de cronometraxe por chip, avituallamento, gardarroupa, duchas nos pavillóns municipais, atención sanitaria, seguro deportivo, fotografía profesional e sinalización completa do percorrido.

O Concello de Padrón organiza a XXIII Padrón 10K como un evento que transcende a simple competición deportiva, consolidándose como unha celebración do atletismo popular, fomentando hábitos de vida saudables, a convivencia interxeracional e a proxección deportiva do municipio.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.