A Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide realizou a charla, desta volta no CEIP Mestre Pastor Barral, para dar a coñecer os valores arredor do río Furelos
A Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide continuou, o pasado 22 de novembro no CEIP Mestre Pastor Barral, as súas charlas-coloquio que está a desenvolver polos centros educativos do municipio e que teñen como obxectivos reforzar os valores educativos medioambientais, apreciar os valores arredor do río Furelos e dar a coñecer ao alumnado a bacía do Furelos e os seus afluentes.
O salón de actos do centro educativo foi o escenario desta nova charla impartida para o alumnado de 3ª, 4ª, 5ª e 6ª de Primaria (Entre 6 e 12 anos). Uns estudantes que prepararon para a ocasión un gran mural no que se podían ver unha serie de fotografías dos distintos momentos dos traballos que está a desenvolver a Asociación de Troiteiros Río Furelos ao longo do ano como as xornadas de limpeza do río.
A charla-coloquio foi conducida polo vogal de Medio Ambiente e Actividades, Manuel Pardo Gómez, e polo presidente da Asociación de Troiteiros do Río Furelos, Xavier Pazo, que respostaron ás preguntas do alumnado que expresou o seu interese en participar nas vindeiras xornadas de limpeza do Furelos que a asocación vén realizando dende o ano 2005.
Este ano tivo unha especial referencia o desastre acontecido no canal do río Furelos a altura da Tosta o pasado 26 de xuño, así como as xornandas de limpeza nos ríos Furelos, Martagona e Catasol, e os labores de recollida, reconto e medida das especies mortas no desastre ecolóxico no río Catasol.
Dende a Asociación de Troiteiros do Río Furelos destacaron tras a charla a alta implicación do profesorado e do alumnado, “non só coa elaboración do mural se non que, unha vez finalizado o coloquio, unha representación do alumnado de cada curso recitou o poema O río do poeta Manuel María” indicou o seu presidente.
Finalmente fixeron entrega dun diploma no que o CEIP Mestre Pastor Barral concedeulle unha Mención Honorífica ao presidente da Asociación de Troiteiros Río Furelos, Xavier Pazo, “polo encomiable labor no respecto, coidado e protección do río Furelos”, unha mención que fixeron extensible aos socios colaboradores e voluntarios da asociación.