O prazo de inscrición para participar na Carreira Popular, que se disputa o domingo 22 de setembro, pecha mañá xoves 19 ás 23:59 horas
A XIX Carreira Pedestre Popular do Concello do Pino xa conta con 300 participantes, cando falta un só día para o peche das inscricións. A proba popular dispútase o vindeiro domingo 22 de setembro, e todas as persoas interesadas en participar poden formalizar as súas inscricións, ata mañá xoves 19 de setembro ás 23:59 horas, a través da páxina web carreirasgalegas.com.
Esta XIX edición da carreira, que está organizada polo Concello e baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo (FGA), pertence ao X Circuíto de carreiras populares da Deputación Provincial da Coruña. A proba na categoría absoluta consistirá nun percorrido de 8 quilómetros e de 340 metros para os menores de 6 anos, e poden participar atletas federados como non federados e haberá unha soa clasificación conxunta ao remate da carreira.
Recollida dos dorsais da carreira
A recollida de dorsais, indica a organización da proba, desenvolverase na secretaría técnica, na praza de Forcarei ata 30 minutos antes da saída da carreira. A saída da carreira en categoría absoluta darase ás 10:00 horas, e as seguintes sairán de xeito consecutivo por categorías, saíndo os máis cativos ás 12:10 horas.