A delegada da territorial da Xunta, Martina Aneiros, visitou o Club Náutico Firrete en Pontedeume para supervisar os traballos, que contan coa axuda do Goberno galego
O Club Náutico Firrete, no Concello de Pontedeume, avanza coas obras de mellora e reparación do cerramento da súa sede. A delegada territorial da Xunta en Ferrolterra, Martina Aneiros, visitou xunto ao presidente da entidade, Ramiro Piñón, os traballos de mellora das instalacións deportivas que contan co apoio do Goberno galego.
As obras consistiron na instalación de láminas de protección e eficiencia enerxética nas ventás do edificio e na impermeabilización e pintado exterior da fachada. O importe da achega ascendeu a 15.673 euros. A delegada territorial destacou a implicación do Goberno galego coa dotación de instalacións que permitan aos deportistas adestrar e competir en condición idóneas e para o que a Xunta leva investido este ano máis de 22 millóns de euros.
Manterase tamén o apoio ao tecido deportivo con 8,2 millóns de euros, o que inclúe 5 millóns para convenios coas federacións, 2 millóns para núcleos de adestramento deportivo (NADE) e un millón para equipamento para os clubs deportivos”
Un compromiso, lembrou Martina Aneiros, que se mantén nos Orzamentos de 2025 con 14,4 millóns de euros para proxectos de infraestruturas deportivas, entre os que destacou os 2,9 millóns de euros para a Cidade do Deporte de Ferrol.