PUBLICIDADE

O circuíto CorreSan 2025 toma a saída con cinco probas de xuño a novembro

Un momento da proba da pasada edición do Circuíto CorreSan 2025 e que vén de presentar o Concello de SantiagoUn momento da proba da pasada edición do Circuíto CorreSan 2025 e que vén de presentar o Concello de Santiago

A XI edición das carreiras saudables CorreSan 2025 de Santiago terá a súa primeira proba o vindeiro 8 de xuño no barrio de Conxo, e as inscricións para o circuíto está aberta ata o 4 de xuño, aínda que se abrirá un segundo prazo

A XI edición do circuíto de carreiras saudables de Santiago CorreSan 2025, que vén de presentar o Concello, estará composto de cinco probas que se disputarán entre os meses de xuño e novembro deste 2025. No mes de decembro, terá lugar a xa tradicional carreira San Silvestre que “aínda que non forma parte deste circuíto, dá continuidade á práctica deportiva durante o ano”, explicou a Concelleira de Deportes, Pilar Lueriro.

A primeira das probas do circuíto CorreSan 2025 será o 8 de xuño no barrio de Conxo, á que lle seguirá a xa clásica Carreira Noctura Cidade Vella o 12 de xullo. Xa á volta do verán retomarase o programa coa ruta dos parques o 14 de setembro. Ao mes seguinte, o 11 de outubro, terá lugar a proba do barrio de San Pedro, e o 15 de novembro o circuíto finalizará coa ruta da Prata-Angrois

Aberta a inscrición no circuíto CorreSan

A inscrición xeral no circuíto CorreSan (5 probas) abríu o pasado luns 31 de marzo ás 11:00 horas e pechará o mércores 4 de xuño ás 23:59 horas. Abrirase un segundo prazo de inscrición antes da carreira CorreSan Nocturna Cidade Vella.

En cada carreira do circuíto CorreSan haberá un percorrido para escolares das categorías Sub-10 e Sub-12; un percorrido para as categorías Sub-14 e Sub-16, e outro para adultos a partir da categoría Sub-18. As probas comezarán de xeito habitual polos grupos de escolares e rematarán coa disputa da proba de adultos

PUBLICIDADE

Os horarios e circuítos das carreiras estarán expostos na páxina web do circuito e na web www.carreirasgalegas.com,  e estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, empregando o sistema de chip-dorsal que deberá conservarse durante o transcurso do circuíto para os atletas que se inscriban nas 5 probas na modalidade de circuíto, e poderá desbotarse no caso de atletas que só se inscriban a unha proba independente.

O circuíto estará aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico nos diferentes contornos da cidade. A participación poderá ser individual ou formando parte de equipos, tanto federados como populares. Os escolares poderán a maiores formar grupos por centros.

“Dende o Concello de Santiago apostamos por facer do deporte unha ferramenta de cohesión social, de benestar e de encontro entre xeracións. Eventos coma este amosan que a rúa, o espazo público, pode ser un lugar para coidarnos, compartir e movernos xuntas”, manifestou a concelleira que apelou á “longa traxectoria de Compostela co deporte” e á “consolidación da capital galega tamén como capital do deporte grazas ó noso tecido deportivo consolidado e en aumento”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, agradeceu a implicación do Concello e a de todos os patrocinadores e colaboradores. Sanmartín sumouse ao chamado da concelleira e animou a seguir aumentando a participación. Tamén agradeceu a iniciativa ao xerente do Centro Comercial As Cancelas, patrocinador do circuíto. 

O Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan 2025 está organizado pola Federación Galega de Atletismo e patrocinadas polo Concello de Santiago de Compostela a través do seu departamento municipal de Deportes.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.