O equipo Melide MotorSport, de Ferreiro e Anido, conseguiu o segundo triunfo a pasada fin de semana na República Checa, despois de estrear o Europeo no mes de marzo gañando o Rali Costa Brava
Dous de dous parao equipo Melide MotorSport de Xesús Ferreiro e Xavier Anido, que comezaron de forma brillante a súa participación no Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos logrando a pasada fin de semana na República Checa a segunda vitoria da tempada, no Historic Vltava Rallye, e que se suma á xa conseguida o mes de marzo no Rali Costa Brava.
Así, Ferreiro e Anido son líderes provisionais do Europeo tras dominar as dúas primeira probas sen apenas oposición co seu Ford Escort RS MKII. Nesta segunda cita o reto era máis esixente para o equipo de Melide, pois a pesar de que xa coñecían a proba, non se parecía practicamente nada ao que eles realizaran nas súas dúas participacións anteriores, pois apenas coincidían 2 dos 12 treitos disputados.
Dende a saída, Ferreiro e Anido lideraron o rali na Categoría 3, marcando un ritmo moi constante nunhas especiais que ademais non eran do agrado do piloto de Melide xa que “penso que son demasiado rápidas e é un tipo de treito que non me gusta excesivamente”, explicaba Ferreiro que incidía en que “nalgúns deles había case unha decena de chicanes co obxectivo de reducir a velocidade media, co que non me atopo moi cómodo pois case hai que deter o coche por completo”.
Adeamis, engadiu o piloto do Melide MotorSport, “moitas veces o motor chegaba ao corte a 9.000 revolucións por minuto e o risco de romper algo nestes casos é moi elevado”. Mesmo ao final da proba e en aras de asegurar a primeira praza na Categoría 3, Xesús Ferreiro e Xavier Anido preferiron non arriscar cedendo unha posición na clasificación xeral final do Europeo, no que finalizaban quintos.
Este mes a cita continental de ralis históricos regresa a España coa disputa de XI Rali de Asturias, do 23 ao 25 de maio, e no que o equipo melidense de Ferreiro e Anido intentará manter esta liña, conseguir outro triunfo nesta terceira cita, e afianzarse ao fronte do Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos na categoría 7.



