PUBLICIDADE

Unha Carreira Pedestre de Frades de récord coroa a Uxía Pérez e a David de la Fuente

O podio cos vencedores da X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que se disputou o 1 de maio, na contorna de Ponte Carreira, con récord de participaciónO podio cos vencedores da X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que se disputou na contorna de Ponte Carreira con récord de participación

A SD Compostela Atletismo, na categoría feminina, e o Club Atletismo Sar na masculina, foron os equipos vencedores desta décima edición da Carreira Pedestre de Frades que fixo récord de participación con 590 atletas na saída

Uxía Pérez Bugarín (Atletismo Feminino Celta) e David de la Fuente Gómez (Club Deportivo Pinarium) foron os máis rápidos na X Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, celebrada onte 1 de maio na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou a maior participación da súa historia: 590 atletas dos 718 inscritos inicialmente.

Unha cifra que supón superar en 122 corredores a anterior marca, establecida na edición do ano pasado da Cerreira Pedestre de Frades con 660 inscritos e 468 cruzando a liña de meta. Así, esta mañá tomaron a saída un total de 590 atletas, 232 da categoría absoluta (61 máis) e 358 escolares (61 máis).

Un ano máis volveuse cumprir o dato de que ningún atleta masculino consegue gañar a Carreira Pedestre de Frades de xeito consecutivo, e iso que nesta edición, o atleta Jorge Puig Malvar, gañador no 2024, mantívose nos postos de cabeza ata os últimos quilómetros, finalizando a proba na quinta posición.

PUBLICIDADE

Pola contra, Uxía Pérez, que debutou o ano pasado na Carreira de Frades cunha victoria, reeditou este 2025 o seu triunfo mellorando o tempo que a subiu ao alto do podio no 2024. Pérez toma así a testemuña da raiña da proba, a deportista Paula Mayobre, que venceu en cinco das seis primeiras carreiras ata a súa retirada no 2020. Só rematou segunda na edición de 2016 por detrás a da atleta olímpica Ester Navarrete.

O podio masculino da X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que se disputou o 1 de maio, na contorna de Ponte Carreira, con récord de participación
O gañador da carreira, David de la Fuente, no centro, xunto a Serbessa Workneh, segundo, e Pablo Otero Fariña, terceiro

Así, David de la Fuente Gómez atravesaba a liña de meta de Ponte Carreira cun tempo de 25 minutos e 44 segundos, rebaixando en so 3 segundos a marca do gañador da edición anterior. O campión sacoulle 10 segundos ao eritreo Serbessa Workneh Fikire, do Club Atletismo Narón, quen estivo encabezando a proba ata os últimos quilómetros. Completou o podio Pablo Otero Fariña, tamén do Club Atletismo Narón, cun tempo de 26 minutos e 15 segundos, marca que o ano pasado serviulle para conseguir a segunda praza.

Pola súa banda, Uxía Pérez Bugarín, do Atletismo Feminino Celta, repetiu vitoria cun tempo de 30 minutos e 57 segundos, rebaixando en 6 segundos a súa marca do ano pasado. A segunda praza no podio ocupouna a debutante Lamyae Himi, do Club Atletismo Narón, cun tempo de 32 minutos e 37 segundos. Mullunesh Marina Porteiro de Loño, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, foi terceira, cun tempo de 33 minutos e 10 segundos.

O Club Atletismo Sar gañou na categoría por equipos, despois de ser segundo en 2024. A SD Compostela Atletismo foi segunda, mentres que os veciños do Club Atletismo Tambre (Oroso) repetiron terceira praza. Na categoría feminina, repetiron triunfo por terceiro ano consecutivo as atletas da SD Compostela Atletismo.

O podio feminino da X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que se disputou o 1 de maio, na contorna de Ponte Carreira, con récord de participación
A gañadora da carreira, Uxía Pérez, no centro, xunto a Lamyae Himi, segunda, e Mullunesh Marina, terceira

Os mellores atletas locais da X Carreira Pedestre Popular de Frades

O mellor atleta local foi Daniel García Sanjurjo, do Traileros Toxos & Birras, posto 47 da xeral cun tempo de 34 minutos e 15 segundos. Completaron o podio masculino Moncho Rodríguez Lagares, do CD Mesoiro, e David Cepeda. Na categoría feminina, a vitoria foi para Alba García Maroa, cun tempo de 48 minutos e 12 segundos. O segundo posto foi para Pilar Carreira Otero e o terceiro para Gemma Meijide Vilariño.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.