O gran resultado alcanzado por Xesús Ferreiro e Xavier Anido, o pasado outubro, no Rallye de Asturias Histórico, penúltima proba da tempada do Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos, provocou que o equipo de Melide conseguise o título de campión da Categoría 3 antes de que se celebre a última na próxima localidade lusa de Fafe, o 7 e 8 de novembro, na que concluirá o certame.
Ferreiro e Anido acudían a Pravia co seu Ford Escort RS 1800 MKII co obxectivo de conseguir unha nova vitoria, que sería a quinta nas cinco probas disputadas ata este momento.
A participación no Principado de Asturias foi espectacular, aínda que non por iso Xesús Ferreiro ía ceder no seu propósito coa premisa tamén de situarse na mellor posición posible na clasificación xeral final, feito que conseguían logrando a terceira praza absoluta tras manter un bonito e igualado pulso cos polacos Maciej Lubiak e Grzegorz Dachowsi, cun Porsche 911 Carrera RS moi superior mecanicamente ao seu Ford, e ante o que terminaban cedendo por só dez segundos.
Aínda así o equipo de Melide si lograba a vitoria na Categoría 3, a quinta consecutiva en cinco participacións e que lles outorgaba definitivamente o título continental.



