PUBLICIDADE

Inauguran as renovadas pistas de tenis de Pedra Mámoa de Negreira tras a súa reforma integral

Acto inaugural das pistas de tenis de Pedra Mámoa despois da súa reforma integral levada a cabo polo Concello de Negreira e a Deputación da CoruñaActo inaugural das pistas de tenis de Pedra Mámoa despois da súa reforma integral levada a cabo polo Concello de Negreira e a Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña e o Concello de Negreira realizaron un investimento de 80.000 euros, financiado polo Plan Único, que permitiu a recuperación integral das instalacións para a práctica do tenis

As pistas de tenis de Pedra Mámoa, no Concello de Negreira, xa están abertas ao público. O goberno local e a Deputación da Coruña veñen de inaugurar unhas instalacións que se atopaban nun estado moi deteriorado debido ao seu uso continuado e ás condicións meteorolóxicas, polo que ambas institucións realizaron unha reforma integral dunha infraestrutura que levaba máis de 15 anos sen reformas.

O investimento nesta reforma das pistas de tenis de Pedra Mámoa, que permitiu a súa recuperación integral, foi de 80.000 euros, financiado con cargo ao Plan Único (POS+), segundo informaron durante o acto inaugural o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, que estiveron acompañados pola deputada provincial de Deportes, Mar García, o presidente do Club de Tenis Negreira, Jesús Mariño, así como por integrantes da Escola Municipal de Tenis.

González Formoso destacou, durante a inauguración das pistas de tenis, a aposta da Deputación da Coruña por mellorar as infraestruturas deportivas da provincia, unha ferramenta clave para fomentar hábitos de vida saudables, dinamizar a vida comunitaria e crear espazos de encontro para a cidadanía.

PUBLICIDADE

O presidente provincial lembrou que Negreira é un dos municipios que leva aproveitando de forma exemplar esta ferramenta de cooperación municipal: “Na última década, a Deputación destinou 8,2 millóns de euros ao concello a través do Plan Único, financiando un total de 35 obras que inclúen desde pavimentación de camiños ou mellora das redes de saneamento e abastecemento de auga, ata proxectos coma este que contribúen a recuperar actividades deportivas que contan cunha ampla demanda social, como é o caso do tenis en Negreira”, explicou González Formoso na inauguración das pistas de tenis.

Pola súa banda, o alcalde Manuel Ángel Leis subliñou que se trata dunha reforma “moi necesaria” para unhas instalacións que levan ao servizo da veciñanza máis de 35 anos. “Con esta intervención recuperamos unhas pistas de tenis utilizadas por moita xente, que poñemos de novo ao dispor do Club de Tenis de Negreira, da Escola Municipal de Tenis e de todos os veciños e veciñas que practican este deporte”, afirmou o rexedor de Negreira.

Leis puxo tamén en valor o impacto do Plan Único na xestión municipal. “É un instrumento fundamental que nos permite executar investimentos relevantes para o benestar da nosa veciñanza, e ademais facelo con autonomía local, xa que somos os propios concellos os que decidimos a que obras ou servizos destinar os fondos”, indicou.

A xornada rematou cun partido de exhibición nas renovadas pistas de tenis entre xogadores e xogadoras da Escola Municipal de Tenis e do Club de Tenis de Negreira, que serviu para poñer a proba o excelente estado das instalacións e celebrar a recuperación dun espazo deportivo de referencia para o municipio.

Acto inaugural das pistas de tenis de Pedra Mámoa despois da súa reforma integral levada a cabo polo Concello de Negreira e a Deputación da Coruña
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.