A 51ª Festa das Carrozas do San Cidre no Oural, en Boqueixón, estivo marcada pola inminente declaración desta celebración como de Interese Turístico para Galicia, a falta da ratificación do Consello da Xunta
O campo da festa do Oural, no Concello de Boqueixón, quedou pequeno para desfrutar da 51ª Festa das Carrozas do San Cidre. Unha edición marcada pola inminente declaración como Festa de Interese Turístico que finalmente non chegou a tempo para este ano, toda vez que conta co visto bo de Turismo de Galicia pero resta a súa ratificación por parte do Consello da Xunta.
O premio á mellor carroza do Desfile das Carrozas do San Cidre foi para Os Cuchipandas, que recolleron a distinción de mans do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Unha espectacular carroza de grandes dimensións, tales que incluso tivo problemas á hora de entrar no campo da festa e na que, segundo apuntou Javier do Nervioso, “estiveron traballando 3 meses, con 5 camións de madeira, 18 quilos de parafusos e aínda estivo algún cuchipanda apertando parafusos esta mesma mañá”.
O segundo premio foi para Crackrroza, elaborada pola rapazada, as familias e o profesorado do Centro Rural Agrupado e que recibiron o galardón de mans do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato. O terceiro premio foi para a carroza Os Cheas, a quenes entregou o premio o presidente da Comisión de Festas do San Cidre, Luís Carril.
Poñer en marcha esta Festa das Carrozas do San Cidre leva detrás moitísimas horas por parte de cada aldea, dos nenos do colexio… 51 anos facendo carrozas e facendo brillar esta festa é algo que nos ten que encher de orgullo. E quero poñer en valor o traballo dos homes e mulleres do Oural que levades 51 anos facendo estas carrozas” (Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón)
Finalmente, a organización desta 51ª Festa das Carrozas do San Cidre entregou unhas distincións ás asociacións encargadas de organizar dúas Festas de Interese Turístico de Galicia, como son o Folión de Carros de Chantada e o Entroido dos Xenerais da Ulla de Sergude; así como á Festa da Filloa de Lestedo, que o ano pasado foi distinguida como Festa de Interese Turístico Nacional.
Polo campo da festa non faltaron a parella de bois co carro portando a figura do San Cidre, así como a música coa Charanga BB+, a Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro e o Grupo Fussión, que acompañaron á tradicional degustación de viño e petiscos variados en cada carroza: queixo, arroz, xamón, filloas, chourizos…