A Gala de Patinaxe do Concello de Frades consistiu nunha xornada non competitiva, de carácter lúdica, na que participaron nenos e nenas pertencentes a un total de seis escolas deportivas da contorna
O polideportivo municipal de Ponte Carreira acolleu a Gala de Patinaxe do Concello de Frades, na que tomaron parte un total de 120 nenas e nenos procedentes de seis escolas deportivas da contorna. Unha xornada de carácter lúdica e non competitiva na que as nenas e nenas puideron amosar os seus coñecementos, adquiridos ao longo deste curso, tanto en grupo como de xeito individual.
As actuacións desenvolvéronse nun polideportivo que estivo ateigado de público. De feito, en previsión de cubrir todo o graderío, o Concello de Frades dispuxera tamén outro cento de cadeiras nos laterais do polideportivo, que tamén foron cubertas nos primeiros minutos. E aínda así quedaron máis dun cento de persoas seguindo as actuacións a pé de pista ou dende as escaleiras de acceso.
O concelleiro de Deportes, Juan Carlos Portos Bra, foi o encargado de entregar cadansúa medalla a todas as patinadoras participantes, así como un pack con froita, auga e zumes para recuperar forzas despois das súas actuacións. Os seis equipos participantes foron as escolas deportivas municipais dos Concellos de Frades, Mesía, Curtis, Cerceda e Abegondo, así como o CEIP Ría do Burgo de Culleredo. As súas adestradoras recibiron un ramo de flores de agasallo.




