PUBLICIDADE

O Torneo de Fútbol Base de Cerceda reunirá no complexo do Roxo a uns mil nenos e nenas

Cerceda acolle esta fin de semana unha nova edición do Torneo de Fútbol Base que reunirá a case mil deportistas no complexo do RoxoCerceda acolle esta fin de semana unha nova edición do Torneo de Fútbol Base que reunirá a case mil deportistas no complexo do Roxo

O Torneo de Fútbol Base de Cerceda, que se disputa o 24 e o 25 de maio, reuniu no 2024 a 40 equipos e 650 deportistas, e nesta nova edición contará con 52 formacións e case 1.000 futbolistas nas diferentes categorías

O Concello de Cerceda vén de presentar unha nova edición do Torneo de Fútbol Base, que se celebrará o vindeiro fin de semana, os días 24 e 25 de maio, nas instalacións do complexo deportivo do Roxo. A cita consolídase como unha das máis destacadas do deporte base na comarca, e faino cun importante crecemento respecto ao ano pasado, e dos 40 equipos e 650 deportistas do 2024, pasouse nesta nova edición ás 52 formacións e preto de 1.000 futbolistas.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou durante a presentación o éxito de convocatoria e o traballo conxunto entre o Concello e os clubs para fomentar o deporte base. Así, a vindeira fin de semana, un total de 18 clubs buscarán alzarse con título nas diferentes categorías. Os case mil deportistas proceden dos equipos CA Cercedense, SDC Ordes, ED O Dolmen, UD Carral, UD Paiosaco, Atlético Arteixo, SE Abella, Sporting Cambre, UD Coristanco, Xuventude Laracha, Trazo CF, Resmón CF, San Tirso, Sporting Coruñés, Sporting Burgo, Portazgo SD, SD Dubra e SD Sofán.

Unha das novidades máis reseñables, desta nova edición do Torneo de Fútbol Base, foi a ampliación das categorías, que irán dende prebenxamíns ata cadetes, coa incorporación das categorías infantil e cadete por primeira vez. O torneo disputarase de xeito ininterrompido de 10:00 a 20:00 horas durante toda a fin de semana, convertendo os campos do Roxo nun espazo de encontro e convivencia para centos de familias, xogadores e adestradores de toda a contorna.

PUBLICIDADE

Dende o Concello de Cerceda mostraron o seu agradecemento ao esforzo de todas as persoas implicadas na organización deste Torneo de Fútbol Base e desexaron moita sorte a todos os equipos participantes, convencidos de que esta edición será un novo éxito de participación e deportividade.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.