Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, reuniuse no Pazo Provincial con membros da directiva do Pabellón CF, co obxectivo de coñecer as necesidades do club e apoiar as diferentes iniciativas que impulsa esta entidade, como é o caso do novo equipo do Pabellón Inclusivo.
Menor manifestou os seus parabéns “por esta idea absolutamente magnífica dun club histórico para a cidade e a provincia” e felicitou á directiva, encabezada polo seu presidente, Fernando Martínez Lamas, quen agradeceu ao presidente da Deputación “a súa cooperación constante e boa disposición sempre”.
O presidente provincial lembrou durante o encontro o compromiso da Deputación de Ourense co fomento do deporte e trasladoulle aos membros da directiva a intención da institución provincial de continuar na senda de colaboración fronte as necesidades prantexadas, especialmente no que atinxe ao torneo que organiza este club e que “sitúa e promociona á provincia de Ourense no deporte nacional”.
Durante a xuntanza tamén se ratificou que a Deputación mantén unha axuda para o funcionamento do club que seguirá a liña de anteriores exercicios. Ademais do presidente provincial e do presidente do club, na reunión participaron tamén o asesor de Política Deportiva da Deputación, Diego Enrique Álvarez, así como os membros da directiva do Pabellón CF como o presidente honorario, Antonio Iglesias; o tesoureiro, Javier Nogueira; e os directivos Julio Soto Varela e Emilio López.


