O III Trail e Andaina Montes de Rois, que percorrerá as paraxes naturais do concello e terá lugar o vindeiro domingo 11 de xaneiro, esgotou hai días as prazas para o trail curto e a andaina
O III Trail e Andaina Montes de Rois dará a súa saída o vindeiro domingo 11 de xaneiro. Unha cita deportiva que se desenvolverá polas paraxes naturais do concello e que contará con máis de 700 participantes.
A elevada participación provocou que hai días se esgotasen as prazas para o trail curto e para a Andaina, probas que comparten o mesmo percorrido cunha distancia de 13,2 quilómetros. O trail longo, de 20,9 quilómetros, quedou a moi poquiñas prazas de pendurar tamén o cartel de completo.
A pesar da xuventude do Trail e Andaina Montes de Rois, a proba está xa plenamente consolidada no calendario galego, tal e como demostra o feito de que sexa a primeira cita do ano do Ranking Galego de Trail Running, dentro da serie prata.
A saída e a meta das tres modalidades da proba estarán situadas no polideportivo de Rois. Neste pavillón efectuarase a entrega de dorsais entre as 8:00 e as 9:30 horas. Ás dez da mañá poñeranse en marcha os participantes do trail longo e do trail curto e, cinco minutos despois, iniciarán o percorrido as persoas inscritas na andaina (10:05 horas).
A entrega de premios está prevista para as 12:30 horas no polideportivo, na que os participantes poderán gozar duns petiscos unha vez rematen o percorrido. Así mesmo, entrarán no sorteo de tres pares de zapatillas, unha por cada modalidade de participación. Ademais, as 600 primeiras persoas inscritas recibirán dous agasallos: Unha botella de aluminio de 400 militros e unha braga de pescozo co logo do trail.
Os percorridos estarán sinalizados con cintas de ABANCA (fondo branco e letras azul celeste) tanto para o trail como para a andaina. Haberá un tramo específico no que as persoas participantes da andaina seguirán o regato de Buxán, sinalizado con cintas de GADIS nun percorrido aproximado de 200 metros.
Logo das choivas rexistradas nos últimos días, a organización traballou intensamente para deixar os percorridos nas mellores condicións posibles. Aínda así, existen zonas enchoupadas, polo que se recomenda aos participantes extremar a precaución.
Así mesmo, o Concello de Rois solicita a colaboración veciñal para circular con precaución polos lugares de paso dos deportistas e recorda que entre as 10:00 e as 14:00 horas, os participantes atravesarán Os Dices, Os Vilares, Infesta, Casas do Porto, Xei, Buxán, Peracova, Picadizo, Rois e Contimundi.




