PUBLICIDADE

A ruta da croqueta de Padrón, iniciativa pioneira do Concello, abre a inscrición para os bares e restaurantes locais

A primeira edición de 'Sabores de Padrón: a ruta da croqueta', iniciativa pioneira do Concello, desenvolverase o venres 6 e sábado 7 de febreiroA primeira edición de 'Sabores de Padrón: a ruta da croqueta', iniciativa pioneira do Concello, desenvolverase o venres 6 e sábado 7 de febreiro

Sabores de Padrón: a ruta da croqueta é unha nova iniciativa impulsada polo goberno local para dinamizar e poñer en valor a creatividade da hostalería e promover a vida social e económica do municipio

A ruta da croqueta, iniciativa pioneira e impulsada polo Concello dentro do programa Sabores de Padrón, agroma co obxectivo de poñer en valor a creatividade e dinamizar a hostalería local, así como impulsar a vida social e económica do municipio. A inscrición, dirixida a bares e restaurantes locais, xa está aberta.

A actividade desenvolverase o venres 6 e sábado 7 de febreiro, convertendo Padrón nun punto de encontro arredor dun produto tan popular como versátil: a croqueta. Trátase dun clásico da gastronomía que goza dunha ampla aceptación entre todos os públicos e que servirá como fío condutor para atraer veciñanza e visitantes durante varios días.

A participación está aberta a todos os bares e restaurantes da localidade, cun formato sinxelo e flexible, pensado para facilitar a implicación do sector. Cada establecemento poderá elaborar a súa propia croqueta, escollendo libremente o sabor ou a proposta culinaria que desexe presentar.

PUBLICIDADE

En canto ao funcionamento da ruta, proponse un prezo de venda de 2,50 euros, sendo cada local quen decida se ese importe corresponde a unha única croqueta ou a unha ración composta por varias unidades. O horario establecido será o venres de 20:00 a 23:00 horas, e o sábado de 13:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas.

Os establecementos interesados en participar deberán confirmar a súa inscrición antes do 16 de xaneiro a través do correo electrónico turismo@padron.gal

Desde o Concello de Padrón e Padrón Turismo anímase á hostalería local a formar parte desta proposta colectiva, que busca sumar esforzos, fomentar a colaboración e crear unha experiencia gastronómica atractiva que contribúa a reforzar a imaxe do municipio como destino de referencia tamén no eido culinario.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.