O acordo entre o CF Meigas, que milita na Segunda División Nacional de fútbol sala, e Augas de Ames ten como principal obxectivo visibilizar e fomentar o deporte feminino no municipio
A EPEL Augas de Ames e o Fútbol Club Meigas xa van da man dende onte, tras a sinatura do convenio subscrito entre as dúas entidades co obxectivo de fomentar o deporte feminino no concello de Ames. O patrocinio de Augas de Ames ao club de fútbol sala amesán formalizouse na tarde do mércores na oficina que Augas de Ames ten no Milladoiro.
Augas de Ames EPEL é a entidade pública empresarial dependente do Concello de Ames, que xestiona o ciclo integral da auga, e vén de chegar a un acordo co FC Meigas para o seu patrocinio, dun equipo que milita na Segunda División Nacional de fútbol sala feminino.
O presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, destacou durante a formalización do acordo que “Augas de Ames dende a súa creación admitiu un compromiso de responsabilidade social empresarial que contempla dende o eixo económico ao social, ambiental ou ético. Como sempre digo, é labor das administracións apoiar ao deporte feminino e favorecer a inclusión e as empresas públicas que son unha ferramenta clave para o desenvolvemento sostible e a igualdade no noso territorio”, indicou o rexedor.
Pola súa banda, a presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, dixo que “para o fomento do deporte feminino é fundamental a visibilidade, e dispoñer de exemplos nos que as nenas podan verse reflectidas e que lles permita soñar con poder alcanzar as súas metas deportivas”, e puxo en valor este acordo que permite “promocionar e axudar aos equipos femininos de categoría nacional a darlles visibilidade, permitindo que as nenas do concello poidan dispoñer deses referentes no seu municipio”.




