Mila Castro advirte que a empresa responsable do servizo debe aos traballadores catro nóminas, e esixe á alcaldesa Goretti Sanmartín que se implique e reclame á empresa que cumpra as súas obrigas cos traballadores
Mila Castro, concelleira de Santiago non adscrita, cualificou onte de “situación gravísima” o estado no que se atopa na actualidade o servizo de vixilancia do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro. A concelleira advirte de que a empresa responsable do servizo, Segursystem Europa SL debe aos traballadores catro nóminas pendentes de aboar e esixe ao executivo de Goretti Sanmartín “responsabilidade” e que se implique para “reclamar á empresa que cumpra as súas obrigas cos traballadores”.
Logo de manter unha reunión a propia Mila Castro e Mercedes Rosón coa Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira, alertan ademais de que a nova adxudicación do contrato está paralizada, despois de que a actual concesionaria presentara un recurso contra a súa exclusión deste novo proceso de licitación. O servizo préstase na actualidade en precario despois de que o goberno local prorrogara en setembro do 2023 o contrato, ao igual que o fixo para o servizo de vixilancia das dependencias da UMAD, que depende da mesma empresa.
Mila Castro advirte que a paralización do proceso de licitación, que xa se atopaba en fase de adxudicación, supón unha maior incerteza para o persoal á que se suma unha sensación de “abandono institucional”, tal e como denuncian dende a representación dos traballadores.
Fronte esta situación, dun “novo servizo en precario e cuns traballadores afogados que seguen sostendo con esforzo e profesionalidade o servizo”, denuncia Mila Castro que o goberno local permanece “de brazos cruzados” e “desbordado”. Critica a concelleira non adscrita que o executivo de Sanmartín aínda non respondera á petición de reunión da representación dos traballadores e que, neste tempo, non procurara establecer “diálogo algún coas persoas afectadas para trasladar o estado no que se atopa a nova licitación, suspendida ata que se resolva o recurso”.
Segundo explican fontes do sindicato USO, a exclusión da actual concesionaria do proceso de licitación fundamentouse na sanción que pesa sobre a Segursystem Europa SL de prohibición de contratar no ámbito do sector público.
Pregúntase Mila Castro, en claras alusións á situación do contrato do transporte público, tamén en precario e con facturas pendentes de aboar desde o 2024, “cal vai ser a escusa que vai empregar a alcaldesa desta volta para botarnos a culpa ás concelleiras non adscritas de que haxa un novo servizo que se presta en precario”. Neste sentido, Castro esixe “responsabilidade” á Goretti Sanmartín en ambos asuntos.
Mila Castro anuniou ademais a presentación dunha iniciativa para o vindeiro pleno municipal no que reclamará ao goberno santiagués “información detallada” sobre esta cuestión, e unha maior “implicación” do Concello na resolución do conflito: por unha banda, para desbloquear a licitación e, por outra, para traballar activamente en garantir que a empresa cumpra as súas obrigas cos traballadores.
Sobre esta última cuestión, advirte Mila Castro da importancia de que o goberno local traballe activamente para que as nóminas pendentes de aboar se paguen antes da renovación do servizo, toda vez que, segundo a doutrina Somoza, a nova empresa que preste o servizo terá que facerse responsable das débedas co persoal da anterior ao producirse a sucesión da plantilla.
“Se isto non se resolve antes, podería darse a situación de que a nova empresa adxudicataria renuncie por non poder facer fronte a esas débedas, e a licitación remate quedando deserta, comprometendo a continuidade do servizo”, concluiu Mila Castro.



