O torneo de xadrez dispútase no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro e está dirixido á rapazada das categorías promesas, benxamíns, alevíns e infantís
A IV edición do Torneo de Promoción de Xadrez de Narón, proba do circuíto galego, dispútase o vindeiro sábado 21 de setembro no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro.
A Federación Galega de Xadrez, o Círculo de Xadrez Narón e o Concello organizan o torneo que pecha o seu prazo de inscricións o vindeiro xoves 19 de setembro ás 12:00 horas, e cuxa tramitación pódese realizar a través da web www.xadreznaron.es.
Os representantes do Círculo de Xadrez Narón, Juan Manuel Caneiro e Luisa García, explicaron durante a presentación que se trata dun torneo dirixido a nenos e nenas das categorías promesas (Sub-8), benxamíns (Sub-10), alevíns (Sub-12) e infantís (Sub-14) e lembraron que para poder participar é preciso estar federado esta tempada.
HORARIOS DO TORNEO PROMOCIÓN DE XADREZ
As diferentes roldas do torneo de xadrez, sete en total, comezarán a disputaranse contra as 11:00 e ata as 13:00 horas, en horario de mañá, e pola tarde dende as 16:00 ata as 19:00 horas. A entrega de premios e trofeos está prevista para as 20:00 horas. Os cinco primeiros de cada categoría recibirán un trofeo, e repartiranse medallas e agasallos entre todos os participantes.
O concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, valorou o feito de que “un ano máis se celebre na cidade este torneo”, e animou a inscribirse a todas as persoas interesadas, non só deste concello. Asemade, felicitou ao club local polo labor que desenvolve ao longo do ano, e animouno “a continuar traballando na actual tempada ao igual que nos últimos anos”.