PUBLICIDADE

O alcalde de Boqueixón recibe aos judokas da Escola de Judo Club polos seus recentes éxitos

Os deportistas da Escola de Judo Club Boqueixón cos seus trofeos durante a recepción do alcalde, Ovidio Rodeiro, no salón de Plenos do ConcelloOs deportistas da Escola de Judo Club Boqueixón cos seus trofeos durante a recepción do alcalde, Ovidio Rodeiro, no salón de Plenos do Concello

Lucía Munín, Lucía Pol e Irene Ferreiro conseguiron varias pratas e bronces, nos campionatos Galego e de España de Judo, para o seu equipo, a Escola de Judo Club Boqueixón, que aproveitaron a recepción para anunciar os próximos eventos que organizan o club no complexo deportivo do Forte

Os judokas da Escola de Judo Club Boqueixón Lucía Munín, Lucía Pol e Irene Ferreiro, foron recibidos no Salón de Plenos do Concello polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen felicitou aos deportistas polos seus recentes éxitos. Dende o club aproveitaron para presentarlle ao alcalde os tres eventos deportivos que terán lugar no Forte e en Lestedo neste maio e principios de xuño.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para trasladar unha felicitación oficial en nome de toda a veciñanza a Munín, Pol e Ferreiro polos seus extraordinarios logros nos campionatos autonómico e nacional celebrados o pasado mes de abril.

Así, no Campionato Galego Escolar Infantil disputado en Lugo, Irene Ferreiro, veciña de Santa María, proclamouse subcampioa galega na categoría -48 kg; Lucía Munín, veciña de Lestedo, lograba tamén o subcampionato na categoría -40 kg; mentres que Lucía Pol, veciña de Sergude, completaba a xesta cunha medalla de bronce en -63 kg.

PUBLICIDADE

Uns días despois, Lucía Munín conseguía a medalla de bronce no Campionato de España Escolar Infantil celebrado en Huesca, un fito histórico pois é a primeira medalla nun nacional lograda por unha deportista de Boqueixón nunha modalidade olímpica como é o judo. Pola súa banda, Lucía Pol tamén completou un meritorio torneo, chegando ata cuartos de final, a un paso das medallas.

Novas actividades da Escola de Judo

As judokas da Escola Judo Club Boqueixón aproveitaron a súa visita ao Concello para presentar tamén as tres próximas actividades deportivas que terán lugar no municipio. A primeira delas terá lugar este mesmo sábado 24 de maio no ximnasio do Forte (12:00 horas), cunha charla (12:00 horas) e unha clase de judo adaptado (16:00 horas) dirixida pola judoka Marta Arce Payne, dúas veces campioa do mundo, dúas veces campioa de Europa, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e Pekín 2008; e medalla de bronce nas olimpíadas de Londres 2012 e París 2024.

O seguinte sábado, o 31 de maio está programado o VIII Torneo de Primavera de Judo Kumi Kata, que terá lugar no pavillón municipal do Forte. Os interesados poden obter máis información ou formalizar as súas inscricións enviando un mail a escolajudoclub@gmail.com. E, xa no mes de xuño, o día 6, está programada unha clase de defensa persoal na Skola de Lestedo.

Esta tres iniciativas, impulsadas pola Escola Judo Club Boqueixón, contan ademais coa colaboración do Concello de Boqueixón, da Federación Galega de Judo, Iberdrola, Invbit, Skola e NKL.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.