O Día da Bicicleta de Padrón, o sábado 31 de maio, ten programadas diferentes actividades como unha marcha de 15 quilómetros ou unha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo
A bicicleta será a gran protagonista en Padrón o vindeiro sábado 31 de maio. O Concello presentou as actividades para a xornada lúdico-deportiva do Día da Bicicleta. Unha iniciativa pensada para gozar en familia e promover o uso deste vehículo a pedales como medio de transporte sostible. Dende o goberno local animan a toda a cidadanía a participar nesta festa do deporte e da mobilidade sostible.
A xornada comezará ás dez da mañá cunha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo, un espazo de referencia no mundo do ciclismo galego e nacional. As persoas interesadas e realizar esta visita deberán anotarse previamente na oficina municipal de Deportes, situada no Centro Social, ou a través do teléfono 981 811 329.
A partir das 10:30 horas, abrirase o prazo de inscricións para as persoas que queiran participar na marcha ciclista e na xincana infantil no paseo do Espolón, punto neurálxico do Día da Bicicleta. E, ás 11:30 horas dará comezo a marcha ciclista non competitiva de 15 quilómetros, dirixida a persoas maiores de 6 anos. O uso do casco será obrigatorio durante todo o percorrido.
Para os máis pequenos, o Concello de Padrón preparou unha xincana lúdica e educativa, pensada para iniciarse no manexo da bicicleta en contornas seguras e divertidas.
Ao remate da marcha ciclista de 15 quilómetros, contra á unha da tarde, procederase ao sorteo de material deportivo e diferentes agasallos entre todas as persoas participantes, dunha actividade organizada pola Concellaría de Deportes de Padrón, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Oliveira Bike, Casa Grobas, Deportes Estornela, CC Padronés Cortizo, A de Mario, Apiario Mazara-Rial e Onnyx Eyewear.



