O Aldebarán-Intasa de voleibol, equipo de San Sadurniño, buscará esta fin de semana a súa terceira Copa Príncipe. A localidade madrileña de Pinto acollerá unha nova edición do trofeo, o máis importante da división de prata do volei masculino nacional.
A competición reunirá aos seis mellores conxuntos da Superliga 2 e porá en xogo o primeiro título oficial do 2026. O Aldebarán-Intasa acudirá á cita como un dos grandes favoritos, tal e como testemuña o bo xogo exhibido no que vai de tempada, e tamén a súa cómoda posición como líder do seu grupo na Liga. A escuadra dirixida por Pablo Gómez Parga tentará traer de Madrid a súa terceira copa.
O Aldebarán de San Sadurniño logrou a súa praza para disputar o torneo tras rematar a primeira metade da tempada como líder do Grupo A, cunha vantaxe de 5 puntos sobre o segundo clasificado, o CV Textil Santanderina, vixente campión da Copa Príncipe.
Xunto ao conxunto galego e o cántabro tamén participarán o Barça Voleibol, o Arona Spring in Motion, o Club Vóley Palma e o Grupo Egido Pinto, anfitrión do campionato. Todos eles, primeiros e segundos clasificados dos tres grupos da Superliga Masculina 2, loitarán por suceder no palmarés ao equipo de Cabezón de la Sal, vencedor en tres das catro últimas copas disputadas.
Na fase de grupos da Copa, o Aldebarán-Intasa quedou encadrado no Grupo A, con o Grupo Egido Pinto e ao Arona Spring in Motion. A estrea dos de San Sadurniño no torneo será o venres 9 de xaneiro ás 12:00 horas, fronte ao conxunto anfitrión. Ese mesmo día, ás 19:30 horas, o Grupo Egido Pinto medirase ao Arona Spring in Motion. A segunda xornada do grupo disputarase o sábado 10 de xaneiro ás 12:00 horas, cando o Aldebarán-Intasa se enfrontará ao equipo canario.
No Grupo B os enfrontamentos abriranos o venres ás 09:00 horas o CV Textil Santanderina e o Club Vóley Palma. O segundo partido xogarano o Barça e os cántabros ese mesmo día ás 17:00 horas. O terceiro encontro, igual que no outro grupo, queda para a mañá do sábado (09:30 horas) entre o Vóley Palma e o Barcelona.
Os dous mellores clasificados de cada grupo accederán ás semifinais, programadas para a tarde do sábado 10 de xaneiro, con encontros ás 18:00 e ás 20:00 horas, mentres que a gran final se xogará o domingo 11 de xaneiro ás 12:00 horas, coroando ao seu remate ao novo campión da Copa Príncipe.
Os enfrontamentos e outros datos interesantes poden consultarse no microsite da XIX Copa Príncipe. Ademais de fotos, resultados e informacións que vaian producíndose durante a competición, na web tamén se poderá seguir os partidos ao vivo, na canle oficial de Youtube do Club Voleibol Pinto.
Sobra dicir que o Aldebarán-Intasa compartirá as emisións nas súas redes sociais para que toda a afección poida seguir a participación na Copa. O obxectivo da escuadra azul non é outro que traer para San Sadurniño o seu terceiro trofeo, que se sumaría aos obtidos en 2016 e 2021, así como a prata que conseguiu no ano 2017.




