O X Castro Trail de Barbadás, proba puntuable do Campionato Xunta de Galicia de trail por equipos da Federación Galega de Atletismo, dispútase o vindeiro domingo 25 de maio nas modalidades de trail longo (28 Km), medio (14 Km) e curto (9 Km)
Xa está todo listo para a disputa da décima edición do Castro Trail, proba impulsada polo Concello de Barbadás, e que dará a súa saída o vindeiro domingo 25 de maio. A competición de trail, unha das máis esperadas do calendario galego, é puntuable para o Campionato Xunta de Galicia por equipos da Federación Galega de Atletismo, o que supón unha motivación máis para os seus participantes.
“Temos a previsión de contar con preto de 400 inscritos na sáida do X Castro Trail”, explicou David Losada, organizador da proba durante a presentación, na que a concelleira de Deportes de Barabadás, Noemí Pintos, destacou o importante papel desta carreira de trail no deporte galego, así como na posta en valor do concello ourensán.
O X Castro Trail Concello de Barabadás disputarase sobre tres distancias: o trail longo (28 quilómetros), o trail medio (14 quilómetros) e o trail curto (9 quilómetros). Ademais, a cita deportiva tamén conta cunha andaina na que os seus participantes farán un percorrido de 14 quilómetros. Os primeiros en sair serán os da modalidade longa ás 9:00 horas, os da curta ás 9:45 horas e tanto o trail medio como a andaina iniciaranse ás dez da mañá.
O Castro Trail de Barbadás percorre paisaxes únicas do municipio e a súa contorna como as carballeiras de Santa Uxía e San Benito, sendeiros tradicionais ou miradoiros. “Hai vistas impresionantes á cidade de Ourense, a Barbadás e á provincia en xeral. Son lugares máxicos que non se coñecen”, indicou Noemí Pintos.
Ademais, o Castro Trail contará cos mellores corredores e corredoras de Galicia da modalidade, tanto en equipos como en individual, mais tamén cidadáns que quere gozar dunha xornada de deporte e natureza. “Animamos a todo o mundo a participar e aproveitar esta oportunidade de coñecer Barbadás”, dixo a concelleira que explicou que, ao finalizar a proba, haberá petiscos, froita, bebidas e xeados, ademais de ambientación musical para o descanso, recuperación e disfrute dos seus participantes.
O prazo de inscrición para o Campionato Xunta de Galicia por equipos remata hoxe martes, mentres que para anotarse na modalidade individual o prazo pecha o vindeiro xoves 22 de maio. Os interesados poden formalizar as súas inscricións premendo neste enlace.




