O Concello de Brión construirá unha edificación de 648 metros cadrados que poderá ser empregada para actividades deportivas, culturais e sociais, e que conta cun investimento de 540.000 euros
O Concello de Brión vén de anunciar, a primeiros de decembro, o inicio dos traballos de ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos e que contan cun investimento de 540.346 euros, dos que o goberno local aporta 390.346 euros, e a Deputación da Coruña os 150.000 restantes, grazas ao convenio asinado polo alcalde, Pablo Lago, e o presidente provincial, Valentín González Formoso.
Os traballos de ampliación, segundo explicou o alcalde Pablo Lago, consisten no mantemento do actual pavillón municipal, adosando unha nova edificación no seu lateral xunto ao CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión, cunha superficie de 648 metros cadrados. Ademais, na edificación eliminaranse todas as barreiras arquitectónicas facendo completamente accesible todo o complexo deportivo.
Será un espazo multiusos que poderá ser sede de competicións deportivas, acoller encontros culturais ou sociais, como concertos ou exposicións, e servirá de apoio ao colexio e ao instituto, pois nel poderanse desenvolver actividades extraescolares ou calquera outras que precisen”
O proxecto contempla tamén a construción dunha pérgola de acceso entre o actual polideportivo e a nova ampliación. Cunha superficie duns 130 metros cadrados, protexerá das inclemencias meteorolóxicas ás persoas usuarias desta instalación, tanto á hora do seu acceso como no tempo de agarda para a súa volta á casa.
O actual pavillón de Pedrouzos data de 1990 e conta cunha superficie de 1.368 metros cadrados. Trátase da infraestrutura municipal máis utilizada do Concello de Brión, xa que todas as súas horas dispoñibles están ocupadas debido ao gran número de clubs e persoas que practican deporte no municipio.
O Concello de Brión anuncia certa afectación ao trafico
O alcalde do Concello de Brión informou, durante a rolda de prensa para anunciar o inicio dos traballos de ampliación, de que “durante o tempo que duren as obras haberá certa afectación ao tráfico de entrada e saída ao colexio, sobre todo cando coincida coa chegada dos autobuses”.
Por todo isto, e no nome do Concello de Brión, “pedimos desculpas polas molestias, mais estamos convencidos de que o resultado pagará a pena pois teremos un novo pavillón multiusos e unha pérgola de acceso que conectará co polideportivo actual e que servirá tamén como zona de espera para o alumnado do colexio e do instituto”.