O Concello convida á veciñanza a poñerse o pucho de Papá Noel e desfrutar dunha mañá de ciclismo en familia nesta I Papanoelada que pecha as inscricións mañá xoves
A I Papanoelada Cicloturista do Concello de Arzúa dará a súa saída o vindeiro domingo 22 de decembro, nunha iniciativa á que está convidada toda a veciñanza e que ofrecerá dúas rutas diferentes para favorecer a participación das persoas de todas as idades.
O primeiro destes percorridos da I Papanoelada Cicloturista está dirixido “á xente que lle gusta pedalear con ritmo”, máis experimentada. Nesta ruta haberá que completar un total de 17 quilómetros pola contorna de Arzúa pasando polas Barrosas e outros lugares senlleiros e con encanto. A saída terá lugar ás 9:00 horas. A segunda ruta está pensada para os máis pequenos e para as familias cun percorrido de 4 quilómetros e con saída ás 11:00 horas.
As inscricións, que son de balde, nesta I Papanoelada Clicloturista do Concello de Arzúa, están abertas ata mañá xoves 19 de decemebro, e os interesados só teñen que enviar un correo electrónico a nadalarzua@gmail.com ou cubrir o formulario dispoñible nesta ligazón.
Para as persoas que non teñan bicicleta, a organización habilitará un servizo de préstamo de bicis para que ninguén se quede sen participar
O obxectivo desta I Papanoelada Cicloturista, segundo informou Begoña Balado, concelleira de Turismo, Comercio e Promoción Económica, é a de ofrecer á veciñanza unha mañá de deporte, ciclismo en familia e moito espírito festivo.
Que mellor maneira de vivir o Nadal que pedaleando pola nosa vila, gozando da contorna e compartindo risas con amigos e familiares? Será unha mañá inesquecible para todos, dende os máis pequenos ata os maiores”
Begoña Balado convidou a pequenos, grandes e familias enteiras a poñerse o pucho de Papá Noel, subirse á bicicleta e desfrutar dunha mañá de deporte, diversión e moito espírito festivo nesta I Papanoelada Cicloturista ao remate da cal se ofrecerá unha chocolatada con biscoito para repoñer forzas.