O deportista de Cerceda, Miguel Vázquez Grela, conseguiu nos anos 2023 e 2024 o Campionato Galego de carreira de montaña e foi embaixador do municipio na ultima edición de FITUR en Madrid
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, realizou o pasado 2 de maio un recoñecemento ao deportista cercedense Miguel Vázquez Grela. Este corredor de trail, veciño de Queixas, proclamouse campión galego de carreira por montaña (CxM) nos anos 2023 e 2024, e vén de conseguir o subcampionato de Galicia neste 2025, nunha competición celebrada esta pasada fin de semana.
O rexedor de Cerceda, que estivo acompañado polos concelleiros Óscar Golán e Jesús Rama, destacou o “gran traballo que me consta que fai Miguel, así como o seu compromiso con Cerceda”. Rodríguez fíxolle entrega dunha chaqueta da Vía Verde como recoñecemento á súa traxectoria e tamén por ser o embaixador do concello na última edición de Fitur.
Vázquez Grela foi o deportista escollido para promocionar a Vía Verde ao seu paso por Cerceda na máis recente edición de Fitur, na que protagonizou un pequeno vídeo no que expoñía os principais valores deste itinerario. Nel destacábase a perfecta simbiose entre natureza e deporte.
Precisamente por esta Vía transcorreou, onte domingo, a proba deportiva organizada polo Concello de Cerceda Os 11 das vías, competición na que participaron unhas 650 persoas nas diferentes categorías e na andaina.