Os Premios Trueiro 2025, que concede o xornal de pesca, tamén recoñeceron o labor de Roberto Varela, Sandra Barca, Federación Española, Plataforma Ulloa Viva e Anove TV
Os Premios Trueiro, na súa décimo segunda edición, foron entregados o pasado 15 de novembro na Casa da Cultura de Arzúa, nun acto organizado polo Concello e polo Xornal Trueiro especializado na pesca. Os galardóns son un recoñecemento ás persoas, entidades e organizacións polo seu papel destacado na defensa do medio natural galego e na divulgación dos valores sociais e deportivos da pesca continental.
O acto de entrega dos Premios Trueiro 2025 foi presentado polo exxornalista deportivo da TVG, Manolo López Torrente, e contaron coa participación do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril e directivos da Asociación de Troiteiros Río Iso.
Nesta edición os galardonados, nas diferentes categorías foron Xabier Pazo, da Asociación de Troireiros Río Furelos, co Premio Trueiro que distingue ao pescador do ano pola súa pericia, metodoloxía, habilidade e polo esforzo físico. Pazo recibiu a distinción por toda unha vida adicada á pesca e a súa xestión. Mentres que o Premio Línea Tensa entregóuselle a Roberto Varela polo seu traballo ao fronte da Sociedade de Pesca Amigos do Iso, polo labor dos coidados meioambientais do río e polo loita a favor dun relevo xeracional.
O Premio A Nosa correspondeulle a doutora en Bioloxía, Sandra Barca Bravo, responsable do laboratorio da Estación Hidrobiolóxica Encoro do Con, pola súa dedicación exemplar contribuíndo á divulgación, o coñecemento e á protección dos ecosistemas fluviais. Pola súa banda, a Plataforma Ulloa Viva recibiu o Premio Qué Pasa.
O Xornal Trueiro concedeu tamén o Premio Onde hai que estar a Anove Televisión que, a pesar de ser un medio relativamente novo, xa se fixo un lugar preferente entre os pescadores de Galicia, Asturias e Castela e León. Concédenlle este recoñecemento, que recolleu Sara Rodríguez, polo seu trato da pesca dende a profesionalidade e o rigor xornalístico.
Ademais, José Luis Bruna, presidente da Federación Española de Pesca e Casting, membro do Comité Olímpico Español (COE), recolleu o Premio Graciñas co que se pechou a edición décimo segunda dos galardóns que entrega o Xornal Trueiro.




