O programa de fomento do deporte da Deputación de Ourense, que se desenvolverá baixo o lema #NigúnConcelloSenDeporte, incrementa o seu investimento ata os 90.000 euros
A Deputación de Ourense vén de presentar o programa de fomento deportivo para este ano 2025, e que se desenvolverá baixo o lema #NingúnConcelloSenDeporte. Unha iniciativa que ten obxectivo de achegar a práctica deportiva e fomentar a actividade física e os hábitos saudables en toda a provincia, especialmente no rural, no que a accesibilidade a espazos deportivos é moito menor.
O presidente provincial, Luis Menor, presentou no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense a programación desta iniciativa, que comezou a súa andaina no 2024 e que xa permitiu levar diversas disciplinas ata 45 municipios ourensáns, beneficiándose do programa un total de 2.400 persoas.
Menor anunciou durante a presentación que o proxecto de fomento deportivo incrementará este ano a cobertura xeográfica, o número de disciplinas deportivas e o investimento que ascende nesta ocasión ata os 90.000 euros de orzamento, fronte aos 60.000 euros dispostos no 2024.
Ademais, o presidente provincial fixo referencia a ese “esforzo inversor” da Deputación para este 2025, xustificando o fomento deportivo como “un dos grandes eixos estratéxicos do actual mandato na Deputación”, xustificación pola que se acordou aumentar a partida para este proxecto.
Colaboración cunha trintena de federacións, clubes e asociacións
O Programa de Fomento Deportivo 2025, desenvolverase en estreita colaboración cunha trintena de federacións, clubs e asociacións deportivas da provincia de Ourense. Nesta segunda edición, os deportes que se practicarán será tenis de mesa, ximnasia en varias modalidades, hockey, balonmán, patinaxe, baloncesto, fútbol feminino, deportes naúticos, volei, bádminton, tenis, baile, atletismo, zumba, escalada, salvamento, xadrez, orientación, fitbike, BTT, tiro con arco, artes marciais (Tai-chi, defensa persoal e Kung-fu), kickboxing, breaking, waterpolo, remo indoor, esquí naútico, automobilismo, pádel, equitación e xogos populares.
A cifra total de 2.400 participantes na primeira edición o ano pasado reflexa non só o éxito do programa de fomento do deporte, senón a implicación da comunidade, especialmente no rural, ao que queremos seguir chegando” (Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense)
Ademais de fomentar a práctica deportiva na provincia entre nenos e adultos, o proxecto de fomento do deporte ten outros obxectivos como promover a inclusión e a equidade no acceso ao deporte; mellorar a saúde dos rapaces en idade escolar e contribuír ao benestar da poboación adulta desenvolvendo actividades que favorezan a mobilidade, a prevención de enfermidades e o envellecemento activo.





