A ampliación e reforma do pavillón municipal O Consello é unha actuación estratéxica para impulsar a práctica deportiva na comarca do Ribeiro e conta cun investimento de 1,3 millóns de euros
O Concello de Ribadavia vén de aprobar a execución das obras de ampliación e reforma do pavillón municipal O Consello, unha actuación estratéxica para o impulso da práctica deportiva na comarca do Ribeiro. O proxecto conta cun orzamento total de preto de 1,3 millóns de euros, financiados entre a Xunta de Galicia a través da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL), destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico; a Deputación de Ourense e o Concello.
As obras contemplan a mellora tanto dos espazos deportivos como das zonas comúns, co obxectivo de ofrecer instalacións máis modernas e accesibles para a cidadanía. O pavillón O Consello presta servizo a clubs deportivos de distintas disciplinas, ao deporte escolar a través do programa Xogade, e á veciñanza en xeral que desexa mellorar a súa condición física e saúde.
Esta actuación de ampliación e reforma do pavillón enmárcase no Plan Ribadavia Activa, unha iniciativa municipal que busca fomentar a práctica deportiva entre a poboación, tanto federada como non federada, e promover hábitos de vida saudables. O seguinte trámite tras a aprobación plenaria do proxecto será a licitación da actuación, que se producirá en breve para que as obras poidan empezar o antes posible, informan dende o Concello, .




