PUBLICIDADE

San Sadurniño inicia en breve a mellora da eficiencia enerxética da área deportiva dos Currás

O campo de fútbol na área deportiva dos Currás, na que se realizarán as melloras, durante a celebración do torneo de fútbol base o pasado xuño (Foto: César Galdo)O campo de fútbol na área deportiva dos Currás, na que se realizarán as melloras, durante a celebración do torneo de fútbol base o pasado xuño (Foto: César Galdo)

O Concello de San Sadurniño busca reducir o consumo enerxético e mellorar as condicións de uso das instalacións deportivas, cun proxecto que conta cun orzamento de máis de 110.000 euros 

O Concello de San Sadurniño acometerá en breve a mellora da eficiencia enerxética dos vestiarios e do campo de fútbol municipal, situado na área deportiva dos Currás. O proxecto inclúe a substitución da antiga instalación eléctrica de auga quente sanitaria por outra que funcione cunha caldeira de pellets, así como a substitución dos focos da cancha que aínda faltaban por cambiar por outros de tecnoloxía led.

A intervención do Concello de San Sadurniño busca reducir o consumo enerxético e mellorar as condicións de uso das instalacións deportivas. A obra conta cunha subvención de 60.000 euros do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. O orzamento total supera os 110.000 euros, IVE incluído.

O proxecto abarca tanto a zona de vestiarios como a iluminación do terreo de xogo, centrado na eficiencia enerxética e na sustentabilidade. No edificio dos vestiarios instalarase unha moderna caldeira de biomasa de pellets, que substituirá os antigos termos eléctricos, e un depósito de 1.500 litros, mellorando significativamente o rendemento e a capacidade de produción de auga quente sanitaria (ACS).

PUBLICIDADE

San Sadurniño renovará o sistema de iluminación exterior

Por outro lado, no campo de fútbol proseguirase coa renovación do sistema de iluminación exterior. O Concello de San Sadurniño xa cambiara aproximadamente a metade dos focos do campo no 2019 por outros de led. Agora, por medio desta actuación, completarase a mudanza substituíndo coa mesma tecnoloxía os vellos proxectores que quedaran pendentes dende aquela. Con esta transformación, que tamén inclúe a actualización do centro de mando e dos sistemas de protección e control, obteranse mellores niveis de iluminación e un menor consumo eléctrico.

Todo o sistema será sometido a probas técnicas para garantir o seu funcionamento óptimo e a súa integración coa infraestrutura xa existente. Segundo destaca o Executivo local, ademais do aforro en electricidade, a nova instalación “terá unha vida útil máis longa e tamén un mantemento moito máis sinxelo que a actual”, asegurou o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal.

O rexedor de San Sadurniño engadiu que estas melloras na zona deportiva dos Currás “son un paso máis no compromiso que temos coa eficiencia e coa loita contra o cambio climático. Non só baixaremos custes enerxéticos, senón que tamén mellorarán as condicións das instalacións para acoller os partidos e adestramentos dos equipos que usan o campo habitualmente. Algo que se ha notar especialmente no inverno, que é a época en que máis se tira dos focos e cando fai falla máis enerxía para quentar a auga das duchas”.

O investimento total previsto ascende a máis de 104.000 euros (110.000 coa redacción do proxecto e a dirección de obra), dos cales 60.000 proceden dunha subvención autonómica do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, dirixido a apoiar actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética e o uso de fontes renovables en concellos de menos de 15.000 habitantes.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.