O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu aos 37 estudantes que representarán a Galicia no campionato nacional de Formación Profesional SpainSkills 2026. Este terá lugar en Madrid dende hoxe ata ao vindeiro sábado.
O representante da Xunta, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, desexoulles “moita sorte e ánimo para demostrar en equipo o enorme potencial da FP galega”. Ao mesmo tempo, agradeceu o traballo e a dedicación por parte do alumnado ao longo dos últimos meses de preparación, algo que fixo extensivo ao profesorado e os centros implicados.
“Sexa cal sexa o resultado, sodes un orgullo para o noso sistema educativo”, afirmou o conselleiro. Román Rodríguez tamén eloxiou “o exemplo deste grupo de rapaces e rapaces pola súa constancia, capacidade de superación e esforzo para acadar a excelencia”.
O alto nivel da FP galega queda reflectido no feito de que a “selección galega de Formación Profesional”, como a definiu o conselleiro de Educación, compite en 33 das 34 modalidades do campionato. Delas, 30 son competicións clasificables para os campionatos internacionais e tres desenvolveranse en formato demostración.
PARTICIPANTES DE GALICIASKILLS
Todos os participantes son gañadores de GaliciaSkills, o campionato autonómico organizado pola Consellería desde o ano 2012 e celebrado na súa última edición o pasado mes de outubro. Proceden de 25 centros de toda Galicia, en concreto dos concellos da Coruña (8 alumnos), A Estrada (1), Cambados (2), Culleredo (1), Ferrol (1), Lalín (1), Lugo (6), Ourense (3), Padrón (1), Ponteareas (1), Ponteceso (1), Pontevedra (1), Santiago de Compostela (4) e Vigo (6). Todos compiten en categoría individual, agás catro que o fan en parella.

Dous dos participantes pertencen ao Concello de Toques. Máis en concreto, Abraham Martín Corral representará ao CIFP Politécnico de Lugo na categoría de Mecatrónica; e Laura González competirá na categoría Recepción Hoteleira polo CIFP Manuel Antonio de Vigo.
O alumnado que obteña a medalla de ouro en SpainSkills formará parte da delegación española nos vindeiros campionatos internacionais. No mundial, que se celebrará en Shanghai en setembro de 2026, e no europeo, previsto en Alemaña no 2027.


