PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Rede Galega de Praias sen Fume xa conta con 242 areais de 45 concellos

PorBisbarra

Xoves, 19 Setembro 2024 , , ,
Gómez Caamaño, Aneiros, Durán e os alcaldes e alcaldesas dos concellos recoñecidos participaron no acto da Rede Galega de Praias Sen Fume.Gómez Caamaño, Aneiros, Durán e os alcaldes e alcaldesas dos concellos recoñecidos participaron no acto da Rede Galega de Praias Sen Fume.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixo entrega no Concello de Cabanas dos diplomas das categorías de ouro e de prata que anualmente outorga a Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de Praias sen Fume. No acto tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e os rexedores e rexedoras dos municipios recoñecidos.

Este ano, un total de 45 municipios acadaron a categoría de ouro ao ter declarados todos os seus areais libres de fume. Destas localidades, 22 conseguiron por primeira vez este recoñecemento. Ademais, outros oito conseguiron a distinción de prata, ao contar con máis do 50% das súas praias sen fume.

En concreto, foron recoñecidos co diploma de ouro os concellos de: Cedeira, Cabanas, Corcubión, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Valdoviño, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Malpica de Bergantiños, Muros, Barreiros, Cervo, Begonte, Castro de Rei, Chantada, Cospeito, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Bande, Avión, Castro Caldelas, Vilariño de Conso, Beariz, Laza, A Veiga, Castrelo de Miño, Cerdedo-Cotobade, Lalín, A Guarda, Baiona, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Pola súa banda, acadaron a categoría de prata os areais dos concellos de Camariñas, Fene, Ortigueira, Viveiro, Cambados, Mondariz, Poio e Soutomaior.

Durante o acto, o conselleiro de Sanidade destacou o compromiso do Concello de Cabanas, participante neste programa desde 2017, que acadou a máxima categoría o ano pasado e volve repetir esta edición. Este recoñecemento reflicte o esforzo continuado do municipio na protección da saúde pública e do medio ambiente.

O alcalde de Valdoviño recolleu o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume da man dos representantes autonómicos.
O alcalde de Valdoviño recolleu o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume da man dos representantes autonómicos.

REDE GALEGA DE PRAIAS SEN FUME

A Rede Galega de Praias sen Fume é unha iniciativa pioneira creada pola Xunta no ano 2016 que actualmente conta cun total de 242 praias adheridas de 82 concellos.

A expansión desta rede, que permite limitar o consumo de tabaco en espazos naturais, converteuse nunha ferramenta eficaz para protexer a saúde da poboación galega e preservar os espazos naturais. Así, durante a cerimonia, destacouse o papel que estas medidas teñen, especialmente na desnormalización do consumo de tabaco entre os máis novos.

O responsable da Sanidade galega remarcou que “a creación de espazos sen fume non só protexe a saúde dos non fumadores, senón que tamén transmite unha mensaxe poderosa á mocidade: o normal é non fumar”. Neste sentido, Caamaño asegurou que é unha das claves para previr o inicio do tabaquismo nas novas xeracións e para promover un modelo social máis saudable.

Os últimos datos do Sistema de Información de Consumo de Risco en Galicia (SICRI 2023) revelan que o 19% da poboación galega maior de 16 anos é fumadora, chegando ao 25% no grupo de 25 a 44 anos. Ademais, o 25% da poboación está exposta ao fume do tabaco de forma diaria ou ocasional.

A iniciativa de Praias sen Fume ten tamén un impacto positivo sobre o medio ambiente. A eliminación do consumo de tabaco nas praias contribúe a manter limpos os espazos naturais, evitando que as cabichas acaben nos areais e nos ecosistemas mariños. Esta acción forma parte do compromiso de Galicia coa protección do seu patrimonio natural.

REDE GALEGA DE PORTOS E PARQUES SEN FUME

Galicia conta tamén coa Rede de Portos sen Fume, creada en 2018, e a Rede de Parques sen Fume, lanzada en 2022, que xa inclúe 43 parques de 43 concellos. Estas redes permiten levar a prohibición de fumar a outros espazos ao aire libre, cunha excelente aceptación por parte da cidadanía. Neste sentido e segundo as enquisas anuais, o 77% dos galegos valoran a iniciativa como “moi boa” ou “boa”, mentres que un 79% quere que a rede se amplíe a outros espazos públicos.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o éxito da colaboración entre institucións, concellos e a cidadanía para avanzar cara a un futuro sen fume. O obxectivo a longo prazo é consolidar esta cultura de espazos sen fume en toda Galicia, promovendo estilos de vida saudables e preservando o noso medio ambiente para as xeracións futuras.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.