A DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA EN FERROL PARTICIPOU NA III XORNADA SOBRE SEGURIDADE INDUSTRIAL
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou na inauguración da III Xornada sobre seguridade industrial, organizada pola Consellería de Economía e Industria en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG). Alí destacou o compromiso do Goberno galego en materia de seguridade industrial, salientando o Plan de Inspección de Seguridade Industrial que a Xunta ten este ano en vigor.
Segundo precisou, o Plan de Inspección de Seguridade Industrial 2024 establece máis de 1.400 controis para comprobar a adecuación dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dos regulamentos de seguridade industrial e normativas aplicables.
Tamén avanzou que este ano a Xunta está a traballar nun plan extraordinario de inspección, enfocado a hoteis, centros comerciais, grandes auditorios, espazos multiusos, garderías, salas de festa e discotecas. Así pois, preténdese reforzar as actuacións anuais nesta materia. Neste sentido prevese realizar 350 inspeccións, a través dun convenio de colaboración coa Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados.
CONCIENCIACIÓN SOCIAL SOBRE SEGURIDADE INDUSTRIAL
Estas actuacións compleméntanse con actividades de concienciación e sensibilización da sociedade sobre a importancia da seguridade industrial. Un exemplo foi a xornada celebrada no salón de actos do Vicerreitorado do campus, na que participou o director da Escola de Enxeñaría Industrial, Vicente Díaz; o delegado en Ferrol do ICOIIG, Javier Bouza; o responsable de mantemento de Navantia, David Roca; o profesional independente, José Fernández, e a xefa do servizo de industria da Dirección Territorial da Coruña, Lourdes Fernández.
“No Goberno galego estamos convencidos de que a seguridade e a produtividade non son aspectos opostos, senón complementarios: unha industria segura é unha industria máis eficiente, máis competitiva e, sobre todo, máis humana”, sinalou Aneiros.
A de Ferrol é a terceira das xornadas celebradas no marco da colaboración entre a consellería e o ICOIIG, trala celebración de sendas citas en Vigo e Santiago, coa participación das tres universidades galegas. No mes de outubro terán lugar os encontros sectoriais. As actuacións conxuntas da Consellería de Economía e Industria e o ICOIIG inclúen ademais a celebración dun congreso sobre seguridade industrial que terá lugar os días 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela.